Publicada a edición en castelán de Vaca Pinta 8

Publicada a edición en castelán de Vaca Pinta 8

Uns días despois da súa presentación en galego, acabamos de publicar na hemeroteca desta web o oitavo número en castelán de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro que o pasado 20 de febreiro cumpría o seu primeiro ano de vida.

Entre os contidos deste número destacan a entrevista ao conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, na que fala da súa estratexia para o sector lácteo, e unha reportaxe sobre as certificacións de calidade polas que están apostando as industrias lácteas. Tamén incluímos unha entrevista con Annaïck Locqueneux, a coordinadora en España de ¿Quién es el Jefe?, unha iniciativa a través da cal o consumidor decide que tipo de leite quere consumir e a que prezo, e outra co consultor leiteiro Mike Steele, que nos dá as claves para lograr unha recría exitosa.

O especial sobre ensilado da herba contén tres artigos. Alexandre Udina, de Adial, asina un estudo sobre manexo do ensilado de herba en bólas; Fernando Díaz, de Rosecrans Dairy Consulting, repasa as claves dos procesos de secado e de ensilado en rotopacas de alfalfa, e os investigadores Nicole Lau, Jürgen Hummel e Ewald Kramer presentan unha síntese da súa investigación sobre o impacto do ensilado de herba con altos niveis de propilenglicol para a profilaxe da cetose.

A granxa protagonista deste número é a leonesa Vencoba SC, na que moxen unhas 300 vacas frisonas e cuxo leite lle venden a Lactiber, industria da que tamén publicamos unha reportaxe.

Na sección de ‘Alimentación’ incluímos un artigo sobre a importancia da alimentación proteica na reprodución, autoría de Javier López (Kemin), e outro sobre a hixienización da mestura unifeed, autoría de Alexandre Udina (Adial).

O nutrólogo Albino Iglesias asina o artigo ‘Tecnoloxía, verdades e mentiras’, que se publica na sección de ‘Manexo’ xunto a outro do podólogo Manuel J. Vidal sobre o programa informático Gesgando, de xestión das patoloxías podais.

Na sección ‘Zona Welfare’, varios investigadores de distintos centros españois e portugueses repasan a lexislación aplicable en benestar animal no gando vacún leiteiro e, na sección de ‘Novas Tecnoloxías’, o consultor Manuel Fernández describe a web elinternetdelasgranjas.com.

Para darlle corpo á sección de ‘Internacional’ viaxamos ata San Miguel, onde vistamos a explotación de José Alexandre Braga Pereira e o seu irmán Marco Polo, a cal responde aos trazos típicos das granxas da illa azoriana.

Os concursos de GandAgro, Swiss Expo e Dairy Show, así como a poxa AM Vegadeo conforman o apartado ‘A Pé de Pista’, mentres que na sección de ‘Actualidade’ lle damos cabida a temas como a posible fusión das Africores e Fefriga, o Encontro da Mocidade Gandeira e a sexta edición de Agraria.

Todos estes contidos constitúen Vaca Pinta 8, que lle dedicamos a Esteban Obregón, recentemente falecido.