Tras o seu lanzamento en galego, acabamos de publicar na hemeroteca da nosa web o sétimo número en castelán de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro.
No seu interior atoparedes un especial sobre xenética e reprodución e outro sobre abonado de pradeiras. O número sete tamén inclúe unha entrevista ao veterinario da Zinpro Corporation Arturo Gómez, que nos achega algunhas claves de saúde podal; ademais, visitamos a gandería Mosquera Vaamonde, no municipio coruñés de Ordes, e publicamos os resultados das probas de novembro de Conafe.
O especial sobre xenética e reprodución aglutina tres artigos titulados “Da morfoloxía á xenómica”, de José Antonio Jiménez; “Novos obxectivos de selección xenética”, de Fernando Rego e José Luis Méijome, e “Como conseguir un 30 % de taxa de preñez de 21 días en vacas de alta produción en lactación”, de Antonio Jiménez.
No especial de abonado, o investigador do CIAM Juan Castro asina un texto no que expón unha serie de boas prácticas no manexo do xurro adaptadas ás condicións edafoclimáticas da Europa Atlántica. O outro artigo do dossier trata sobre os principais factores que inciden na produción de herba na comunidade cántabra e é autoría de Elías Celis.
MANEXO
Nesta sección inclúense outros tres artigos. O primeiro, asinado por A. Molinero, Y. Trillo e M. Pineda, fala da importancia de realizar recorte funcional de pezuños en vacas leiteiras; o segundo, autoría de Enrique Muñoz-Cantero, Cristina Castillo, Juan Vicente González e Joaquín Hernández, describe dous casos clínicos de picadura de víbora de Seoane en vacún de leite, e o terceiro, asinado por Aida Xercavins e Aranzazu Varvaró, aborda o uso de novas tecnoloxías en vacún leiteiro en pastoreo.
ECONOMÍA
Por unha banda, Manuel Fernández presenta a apk “cowsulting simulator”, unha aplicación para calcular os gastos e os ingresos dunha granxa de leite. Por outra, os investigadores do CIFA Cantabria e da USC Ibán Vázquez, Elena García e Ana Isabel García ofrecen os resultados preliminares dunhas enquisas realizadas a explotacións con vacún leiteiro cántabras referentes á súa dinámica recente no actual escenario poscotas.
ZONA WELFARE
Os expertos M. Yllera, J. Cantalapiedra, M. E. Fernández, A. Iglesias e M. Camiña presentan un estudo no que pretenden dar a coñecer o comportamento dos animais para mellorar o seu benestar e a súa produtividade.
A PÉ DE PISTA E ACTUALIDADE
Na sección ‘A pé de pista’ dámoslle cobertura a cinco concursos morfolóxicos da raza frisona: o Nacional de Portugal, o Autonómico de Galicia e o Micaelense de Outono dos Azores, o de Euskal Herria e o de Gordexola.
Unha ampla reportaxe sobre as xornadas técnicas de Seragro e outra sobre a celebración dos 50 anos de Joskin, así como informacións máis breves sobre a clausura da cuarta edición do Máster en Produción de Leite, as novas instalacións de Green Chemical e a IV Xornada de Veterinarios de ADSG de Galicia, entre outras, integran o apartado de ‘Actualidade’ deste número, que lle dedicamos ao director técnico de Africor Coruña, José Moreira, recentemente falecido.