Publicada no DOG a resolución das axudas para plans de mellora e incorporación de mozos da convocatoria de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas as axudas concedidas na convocatoria de 2019 para plans de mellora nas explotacións agrarias, a creación de empresas por parte de agricultores mozos e o desenvolvemento de pequenas explotacións. En total, distribuíronse 40.411.695 euros entre 1089 persoas beneficiadas.

Segundo a resolución do DOG, 533 beneficiarios recibiron máis de 24,9 millóns de euros para acometer plans de mellora nas súas explotacións, mentres un total de 356 mozos e mozas obtiveron unha contía global superior aos 12,4 millóns para crear as súas propias empresas agrarias. No que se refire ao desenvolvemento de pequenas explotacións, 200 persoas solicitantes conseguiron achega, por un montante global de tres millóns de euros.

As axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, teñen como finalidade garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.

Listaxe de beneficiarios