Primeira reunión da Mesa da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a constitución e a primeira reunión da Mesa que coordinará a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, unha iniciativa impulsada pola Xunta da man dos diferentes axentes deste eido produtivo, que contempla unha serie de medidas deseñadas a partir do consenso con todos eles, contando coas achegas dos principais expertos na materia dentro da nosa comunidade.

Traballarase, segundo explicou o titular de Medio Rural, mediante mesas sectoriais baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega. Serán un total de 40 persoas as que constitúan estas reunións, nas que están representados, ademais de responsables e técnicos da Xunta, as cooperativas, as organizacións profesionais agrarias, a industria, a distribución, a loxística alimentaria, as denominacións de orixe de queixos e os propios gandeiros a través das asociacións de control de rendementos (africores).

Entre as medidas propostas salientan a aposta pola mellora e pola promoción da calidade do leite galego e a formación orientada ao fomento da xestión empresarial e á reorientación dos procesos produtivos. Tamén se abordou o incremento da base territorial das explotacións, con instrumentos como a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que permitirá crear polígonos agrarios dun tamaño axeitado, formados por leiras total ou parcialmente abandonadas. A mellora dos prezos nos contratos, a promoción da negociación colectiva ou a mellora da xestión dos residuos gandeiros, a través dun plan específico, son outros aspectos tratados neste foro.