Entre os contidos do número de verán de Vaca Pinta –xa dispoñible na hemeroteca desta web– destacan un especial sobre calidade do leite e muxido; unha ampla cobertura sobre a celebración do Congreso de Anembe en Vigo; os resultados dos concursos morfológicos de San Miguel e Terceira (Azores), Asturias, Renedo e Treceño (Cantabria), e reportaxes das explotacións Outeiro SC, de Lugo, e Binigarba, de Menorca.
O dossier de calidade do leite e muxido integra tres artigos asinados, respectivamente, por Xavier Bermúdez (Farm Vet) –sobre manexo e control de patóxenos–, Carlos Noya (Seragro) –acerca da importancia da formación a gandeiros e ao persoal da sala de muxido sobre o manexo do período seco e o uso apropiado das cánulas de selladores e de terapia antibiótica– e Patricia de Celis e Christian Paniagua (Gescal Veterinarios) –comparativa de datos entre explotacións sobre o uso de seladores internos–.
No apartado de ‘Manexo‘ inclúense dous novos artigos de Israel Flamenbaum. Nun deles, o experto expón como manter unha boa taxa de fertilidade en climas cálidos, e no outro describe a experiencia da instalación dun sistema de arrefriado nunha explotación do norte de Italia. O consultor Fernando Díaz aborda noutro artigo a prevención de coxeiras en granxas con muxido robotizado, e os investigadores J.O.L. Cerqueira, J. Cantalapiedra, J.P. Araújo e Isabel Blanco Penedo valorizan os indicadores de comportamento e de confort en explotacións de cubículos en vacas leiteiras.
Na sección de ‘Economía‘, o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) presenta os seus dous novos informes mensuais, nos que recolle indicadores clave da evolución do sector lácteo, e na de ‘Saúde Animal‘ dous estudantes do segundo ciclo do Grao de Veterinaria da USC analizan a idoneidade ou non da presenza de carballos nunha explotación de vacún.
O apartado de ‘Formación‘ inclúe un texto no que se presentan os obxectivos e a oferta formativa da EFA Fonteboa; a continuación móstranse as novidades do Máster de Produción de Leite da USC para o curso 2018-2019 e, finalmente, o alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal da EFA Fonteboa comparte o Project Young Farmers, un intercambio de experiencias entre Galicia e Irlanda.
Vaca Pinta 4 tamén se fai eco das distincións honoríficas Fefriga 2018 e contén unha ampla entrevista a Bruno González Zorn, director da Unidade de Resistencia a Antibióticos da UCM.