Presentado o programa das XVII Xornadas Técnicas de Seragro

  • A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo.
  • O encontro terá lugar o xoves e o venres da vindeira semana no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Como sempre, a asistencia é libre e gratuíta.

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación das XVII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o deputado da Área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández; o concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández; a presidenta de Seragro SCG, Noelia García; e os organizadores das Xornadas Noelia Mourazos e Anxo Oitavén.

Mourazos deu conta do contido programático do primeiro día, que comezará cun “bloque de leite”. A primeira intervención será a do enxeñeiro agrónomo especialista en industrias lácteas Jaime Magdalena, que falará de como a calidade do leite en orixe, da que son responsables os produtores, lle afecta aos posteriores procesos industriais para a elaboración de produtos lácteos no tocante a rendementos, durabilidade, sabor etc. Completará esta parte a directora técnica do Ligal, María Luisa Barreal, que explicará o protocolo do Ligal para a detección de inhibidores en leite cru de vaca.

A continuación pasarán polo estrado unha serie de relatores internacionais que compartirán os seus coñecementos en distintas áreas. O CEO de Sexing Technologies Juan Moreno (México) falará de cara a onde camiña a biotecnoloxía no ámbito xenético para a produción sostible de proteína animal nun mundo con billóns de habitantes. O asesor Gordon Jones (EE. UU.) –e tamén socio dunha granxa en Wisconsin na que moxen unhas 6.000 vacas– afondará en aspectos prácticos de manexo que el considera claves para obter altas producións e o veterinario Peter Van’t Veld (Holanda) disertará sobre a calidade e o manexo dos lactosubstituíntes para a cría das xatas.

O profesor da UAB e asesor veterinario Ramón Armengol completará o cadro de expertos da primeira xornada cunha conferencia na que abordará os criterios que se deben ter en conta á hora de establecer un plan lóxico de descarte de animais, decidindo en que momento se deixa de inseminar as vacas, e así evitar que nos sorprendan baixas inesperadas.

PROGRAMA DO VENRES

O veterinario David García retomará a celebración do foro técnico o venres ás 11 da mañá cunha charla sobre control de insectos, roedores e aves, co obxectivo de evitar a proliferación de enfermidades en granxas de vacún leiteiro.

Relevarao no estrado a veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro Almudena Tato, que ofrecerá un relatorio centrado na aplicación da terapia selectiva de secado e os seus efectos na saúde de ubre e calidade de leite, en contraposición coa terapia antibiótica.

A continuación a enxeñeira técnica agrícola Rebeca Cembranos compartirá cos asistentes a súa experiencia como asesora en nutrición e en xestión técnico-económica de granxas na rexión alemana de Saxonia e, deseguido, o veterinario xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, falará da produción de leite en ecolóxico pola que eles apostan, de como xestionan os recursos e que lle piden a ese leite, que transforman directamente, en aspectos de calidade.

Xa pola tarde terá lugar un bloque temático que xirará arredor da tipoloxía de camas, materiais utilizados e a súa relación con determinadas pataloxías. A primeira charla correrá a cargo do técnico de Xestión Técnico-Económica de Seragro Gonzalo Gómez, que introducirá o tema falando das alternativas que hai en canto ao uso de materiais en cubículos e os seus custos. Deseguido, o técnico de Podoloxía de Seragro José María García porá en relación os diferentes tipos de cama empregados nas explotacións e a saúde podal dos animais. Despois da súa intervención subirá ao estrado o profesor e investigador da USC Adolfo López, que abordará os posibles efectos que a area empregada como recheo de cubículos, unha vez extraída da fosa de xurro e engadida ás terras de cultivo, pode ocasionar a longo prazo na súa fertilidade. A continuación, o veterinario especialista en calidade do leite Oriol Franquesa falará do manexo de camas de compost e esterco reciclado e do seu impacto na saúde de ubre. Para concluír este bloque contaremos coa presenza do gandeiro navarro Pedro Ezcurra, que compartirá a súa experiencia sobre o uso da fracción sólida do xurro nos cubículos da explotación leiteira da que é socio, Aldapa SCL. Ezcurra contará os medos aos que se enfrontaron á hora de instalar este sistema e cal é a realidade da súa granxa neste momento.

Xa por último, segundo informou o coordinador Anxo Oitavén, será a quenda da especialista do Servizo de Alergoloxía do Chuac Beatriz Veleiro, cuxa conferencia se centrará nas alerxias asociadas á produción de leite, tanto as que se poden dar na propia granxa polo contacto cos animais como as relacionadas co consumo de lácteos. As XVII Xornadas quedarán clausuradas, como vén sendo habitual, co tradicional brinde do leite.

Na súa intervención, a presidenta de Seragro, Noelia García,referiuse á tendencia anunciada pola UE para a vindeira década que apunta cara a un aumento do consumo mundial de derivados lácteos, algúns dos cales serán produtos de alto valor engadido, e a outra tendencia relacionada cos controis, cada vez máis esixentes e rigorosos, dos axentes contaminantes do medio ambiente, o que vai condicionar en gran medida a forma de producir. “Entramos en anos futuros de eficiencia, de tecnificación, de profesionalización e de posta en valor dos nosos produtos; en Seragro cremos que a formación e a información son poder, polo que coñecer, por exemplo, a composición da nosa materia prima resulta fundamental para tomar decisións nas granxas e enfoca pautas produtivas de xenética, de alimentación etc. para poñela en valor”, declarou. De aí que desde Seragro apostaramos e sigamos apostando por “acompañar os gandeiros neste camiño e nestes retos”, concluíu.

Pola súa parte, o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández, convidou a todos os interesados a participar nas xornadas e sinalou que “un ano máis Seragro reunirá en Lugo a prestixiosos expertos do sector agrogandeiro nun foro que xa é un auténtico referente para os produtores, pois aborda cuestións de especial interese para mellorar a produtividade e a competitividade das explotacións, o benestar dos animais e a calidade do producto”.