O LEITE

Por que Nutri-Score non é un medidor xusto?

Un estudo realizado recentemente por científicos españois demostrou que a información que achega Nutri-Score, o sistema para puntuar a calidade dos alimentos, non só é incompleta, senón que, ademais, falla á hora de identificar os alimentos non saudables. En Vaca Pinta 27 debullamos a continuación as principais conclusións do traballo.

Para acadar unha mellora no estado nutricional e evitar enfermidades relacionadas coa alimentación, as organizacións internacionais recomendaron varias estratexias. A etiquetaxe nutricional é unha das ferramentas propostas polas políticas de saúde pública para promover a aposta por dietas saudables e xa está regulada pola Unión Europea.

UNHA ETIQUETA OFICIAL INEFICAZ

En novembro de 2018 o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social anunciou a adopción oficial de etiquetaxe de produtos alimenticios baixo o sistema Nutri-Score. Este tipo de etiquetaxe comezouse a empregar tamén en Francia e Bélxica e actualmente está baixo discusión para ser adoptada por outros países europeos.

Teoricamente, o Nutri-Score permítelles aos consumidores avaliar no momento da compra a calidade nutricional dos alimentos e tamén promove que as compañías fabricantes melloren a composición nutricional dos seus produtos alimenticios. No entanto, deixa fóra de consideración parámetros nutricio[1]nais básicos que impiden comparar debidamente os produtos.

DEFICIENCIAS NUTRICIONAIS NA INFANCIA, UN PROBLEMA DERIVADO

Entre as grandes preocupacións polas consecuencias desta etiquetaxe atópanse as posibles carencias nutritivas que se lles transmitan aos máis novos.

Hoxe en día, enfrontámonos a unha serie de modas recentes na alimentación que fan que algúns pais substitúan, por exemplo, o leite por bebidas vexetais nos nenos coma se estas fosen intercambiables, pero o certo é que o seu contido en moitos nutrientes é inferior.

Debido aos parámetros que comprende, o sistema de etiquetaxe de Nutri-Score apoia este tipo de eleccións, a pesar de que os efectos do mal uso destas bebidas están xa moi ben documentados e inclúen, entre outros, unha diminución do crecemento e deficiencias nutricionais que poderían desencadear en problemas óseos como o raquitismo.

Por se isto fose pouco, Nutri-Score puntúa peor os produtos lácteos fronte a estes ultraprocesados, malia que está demostrado que o consumo de leite nos nenos aumenta o seu crecemento e, é máis, no caso do leite enteiro, axúdase a diminuír a obesidade infantil grazas ás graxas que contén.

NUTRI-SCORE VS. NOVA

Ante as súas obvias deficiencias, recentemente un grupo de científicos españois publicou na revista Nutrients o traballo “Two Dimensions of Nutritional Value: Nutri-Score and NOVA” (Romero Ferreiro, C.; Lora Pablos, D.; Gómez de la Cámara, A., 2021), un estudo cuxo obxectivo é a comparación da clasificación de alimentos do mercado español desde a base de datos Open Food Facts usando dous sistemas: Nutri-Score (que, como xa sabemos, pon o foco nos nutrientes) e NOVA (o cal está máis centrado en axudar a previr a malnutrición asociada con enfermidades como a obesidade mediante a concienciación sobre o grao de procesamento dos alimentos consumidos).

Buscábase así detectar os produtos ultraprocesados que están mal clasificados polo Nutri-Score. Entre os resultados obtidos, destacan os seguintes:

  1. O 26 % dos alimentos clasificados como “A” son ultraprocesados.
  2. O 51,4 % dos alimentos clasifica[1]dos como “B” son ultraprocesados.
  3. O 59 % dos alimentos clasificados como “C” son ultraprocesados.
  4. Mentres tanto, produtos de primeira categoría, como as sardiñas, o xamón ou o queixo, non pasan das clasificacións “D” e “E”.

CAL É A CONCLUSIÓN?

Sinalan os autores deste traballo que é evidente que o grao de procesado e a calidade nutricional dos alimentos cobren dimensións diferentes e complementarias e, debido aos parámetros que abarca, todas as categorías de Nutri-Score terminan incluíndo alimentos ultraprocesados (polo menos un 26 % dos alimentos de cada categoría).

Así pois, a información proporcionada por Nutri-Score é incompleta e falla á hora de identificar todos os alimentos non saudables. Por esta razón, a etiquetaxe do grao de procesado dos alimentos aplicando as clasificacións NOVA, ou mesmo a SIGA, deberían complementar o Nutri-Score para capacitar realmente os consumidores se o que se pretende é que poidan chegar a tomar mellores decisións.