DÍA NACIONAL DA NUTRICIÓN

Por que incluír lácteos na lista da compra?

Hoxe celébrase o Día Nacional da Nutrición –unha iniciativa da Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD) en colaboración coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESÁN)– e desde a Organización Interprofesional Láctea (INLAC) lembran que as principais guías de alimentación internacionais recomendan o consumo regular de lácteos debido á súa achega de proteínas e hidratos de carbono, fundamentalmente en forma de lactosa, ademais de calcio, potasio, fósforo, cinc e outros minerais, así como vitamina B12 e A.

A gran variedade de produtos lácteos existentes permite cubrir as necesidades nutricionais e mellorar a calidade de vida das persoas, xunto a hábitos saudables e actividade física regular. Así o reiteran desde a INLAC no marco da campaña Generación Láctea. Os expertos recomendan tomar de 2 a 4 racións de lácteos ao día (sumando leite, iogur e queixo), aínda que hai moitos bulos e fakenews que circulan en contra destes alimentos.

Rosa María Ortega Anta, catedrática de Nutrición e doutora en Farmacia da UCM, axuda a despexar malentendidos nunha entrevista que podedes consultar íntegra aquí. Entre o seu contido destacamos:

  • “O contido en graxa dos lácteos non é elevado e pódense elixir produtos con menos graxa ou sen ela”
  • “Outros alimentos achegan calcio, pero o procedente de lácteos é o de máis fácil absorción e utilización e é máis sinxelo conseguir 250 mg de calcio tomando un vaso de leite, que tomando 25 g de sementes de sésamo”
  • “Non é mellor tomar lácteos sen lactosa salvo que se sexa intolerante á lactosa, pero non como pauta xeneralizada”

Os lácteos, moi demandados durante o confinamento

Os consumidores españois están a apoiar os produtos lácteos durante a crise sanitaria do coronavirus. Calidade a un prezo accesible e as achegas nutricionais e saudables xogan a favor dun sector que garantiu o abastecemento aos supermercados aínda que se viu afectado notablemente polo peche de bares e restaurantes. O aumento da demanda de leite líquido e derivados lácteos nos fogares foi do 15,1 % en marzo, respecto ao mesmo mes de 2019, ata os 498.112.240 litros, segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.