Novo ciclo formativo de Técnico Superior en Gandería no instituto asturiano de Luces

Novo ciclo formativo de Técnico Superior en Gandería no instituto asturiano de Luces

O IES Luces, de Colunga (Asturias), amplía a súa oferta formativa para o curso 2019/2020 cun novo título formativo de Técnico Superior en Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, que terá unha duración de dous cursos lectivos.

A competencia xeral deste título consiste en xestionar a produción gandeira e realizar traballos especializados de apoio a equipos veterinarios, programando e organizando os recursos materiais e humanos dispoñibles e aplicando os plans de produción, calidade, sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental, de acordo coa lexislación vixente.

O primeiro módulo dedicarase á organización e control da reprodución e a recría; á xestión da produción animal; coñecementos sobre maquinaria e instalacións gandeiras; xestión da recría de cabalos; bioseguridade; orientación laboral, e formación en lingua estranxeira para uso profesional.

O segundo curso centrarase en organización e supervisión da doma e manexo de équidos, saneamento gandeiro e asistencia á atención veterinaria e xestión de centros veterinarios. Realizarase un proxecto de gandería e asistencia en sanidade animal e durante o terceiro trimestre terase acceso a prácticas en diferentes centros de traballo.

Entre as saídas profesionais que contemplan desde o centro están: encargado de explotación gandeira, responsable de inseminación artificial en explotacións gandeiras ou en centros de recollida de seme, responsable de ganderías equinas, asesor e supervisor para a planificación, montaxe e funcionamento de empresas, visitador de produtos de veterinaria, axudante de veterinaria en equipos veterinarios especializados en animais de granxa, en explotacións gandeiras, en empresas do sector agroalimentario e de servizos á gandería ou en entidades asociadas a eventos, espectáculos, demostracións ecuestres, actividades recreativas, deportivas e terapéuticas (hipoterapia).

Tríptico informativo