O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), situado na parroquia de Trasliste, en Láncara (Lugo), promove a cuarta xornada sobre as alternativas ao uso do petróleo nas explotacións agrarias. O evento desenvolverase o 10 de decembro.
María José Bande, presidenta da Asociación de Amigos do Muvicla, será a encargada de dar a benvida aos asistentes. Pola súa banda, Jesús Combarro, director de proxectos agropecuarios de Abanca, inaugurará a xornada.
Marcos Vázquez, director do Muvicla, ofrecerá a primeira conferencia baixo o título: “Que fixemos coa enerxía e o que faremos en Muvicla”. A continuación, intervirá Inés Santé, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (EPS).
Despois da pausa para o café e da interpretación musical de Iván Martínez, será a quenda do presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Lugo, José Antonio López; Ana Castro, especialista de produto de Fendt; e Pablo Rodríguez Varela, técnico de Instaladores Monfortinos.
Tras unha visita guiada ao museo e o xantar, a sesión da tarde comezará cunha mesa redonda sobre agricultura, alimentación e enerxía. Nela participarán Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC; Roberto Fernández, presidente da Fundación TerrEo; Daniel López, profesor xubilado de Física no CIFP As Mercedes; Óscar Logilde, profesor de vehículos no CIFP As Mercedes; e José Luís Pérez, enxeñeiro agrícola, gandeiro na SAT Caseiro e expresidente de Agromuralla.
A clausura da xornada correrá a cargo de Olga Iglesias, doutora en Veterinaria e xefa territorial da Consellería do Medio Rural.
O aforo é limitado, polo que se require confirmación de asistencia no seguinte enderezo de correo electrónico: muvicla@muvicla.org