Muimenta acolle unha charla informativa sobre o agrupamento voluntario de terras

Muimenta acolle unha charla informativa sobre o agrupamento voluntario de terras

A Asociación de Empresarios de Muimenta, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Consellería do Medio Rural e o Concello de Cospeito, organiza o martes 16 de setembro unha charla informativa sobre o programa de agrupamento voluntario de terras. A cita terá lugar ás 11:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Muimenta e estará aberta a toda a cidadanía, sen importar o seu lugar de residencia.

O colectivo empresarial de Muimenta, que integra tamén aos gandeiros da zona, coñeceu de primeira man a iniciativa da Xunta de Galicia e valorou o seu interese para socios, socias e veciñanza en xeral.

O programa impulsado por Agader busca facilitar a mobilización de terras a través das permutas de interese agrario, unha ferramenta que permite ás persoas propietarias de fincas rústicas intercambialas de mutuo acordo. Este mecanismo contribúe a mellorar a produtividade das explotacións e a optimizar o aproveitamento dos recursos dispoñibles no medio rural.