Mouriscade poxou unha vintena de animais cun valor medio de 3.800 €

Mouriscade poxou unha vintena de animais cun valor medio de 3.800 €

Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, vendeu este mércores un total de 21 vacas na súa cuarta poxa de gando vacún. As taxacións acadaron un valor medio de 3.800 € + IVE, despois de partir dun prezo inicial de 1.750 €.

A maioría das gandarías participantes procedían do concello pontevedrés de Lalín, onde se atopan as instalacións de Mouriscade. Tamén acudiron explotacións doutros municipios da comarca do Deza, como Rodeiro e Silleda.

Non obstante, o interese da poxa atraeu igualmente a gandarías da provincia de Lugo —procedentes de Sarria, O Páramo, Chantada, Castroverde, Baleira, Monterroso e Portomarín—, así como a granxas de Santa Comba (A Coruña).

Nun primeiro momento, a poxa íase organizar o 19 de novembro. Non obstante, a pesar de ter a autorización da Consellería de Medio Rural, os organizadores decidiron pospoñela como medida de prevención ante a dermatose nodular contaxiosa

Na actualidade, Finca Mouriscade é unha das gandarías máis destacadas de todo o Estado segundo o índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación converte ao centro nunha referencia do sector agrogandeiro a nivel estatal.

As xatas nacidas en Mouriscade a partir dos últimos embrións, xunto co traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de maneira decisiva á mellora xenética da gandería.