Finca Mouriscade (Lalín, Pontevedra) puxo data a unha nova edición das súas poxas de gando frisón e celebrará a próxima o mércores 19 de novembro ás 11:00 horas. Poñerá á venda un total de 23 animais con todas as garantías xenéticas e sanitarias.
Para poder participar nela, é imprescindible inscribirse previamente a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra antes do día 5 de novembro. Débense achegar o modelo de inscrición previa, a declaración responsable e a acreditación da personalidade, xa sexa mediante o documento nacional de identidade (no caso de persoas físicas) ou a escritura de constitución inscrita no rexistro correspondente (no caso de persoas xurídicas). Tamén se esixe a acreditación de estar inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA).