A poxa de animais da Gandería de Mouriscade, celebrada esta mañá na Finca Mouriscade, en Lalín, pechouse coa adxudicación dos 17 exemplares presentados. O importe total das vendas ascendeu a 60.900 euros, sen IVE, cun prezo medio de 3.582 euros por animal adxudicado.
O prezo máis alto da xornada foi para Mouriscade Rang Purpura Red ET, adquirida por Pena Guisande (O Páramo, Lugo) por 5.000 euros. Tamén destacou Mouriscade Saturn Tortola, adxudicada á mesma gandería por 4.500 euros.
Entre os remates máis elevados figuraron ademais Mouriscade Prolo.Harpa Red ET, que acadou os 4.400 euros e foi adxudicada a José Ramón Carballeiro Becerra (Tordoia, A Coruña); Mouriscade Rover Atlantica ET, adquirida por Gandaría Casa Lucía (Lalín, Pontevedra) por outros 4.400 euros, e Mouriscade Copy Maravilla ET, que chegou aos 4.000 euros, tamén para Gandaría Casa Lucía.
A poxa contou con compradores de varias explotacións galegas. En canto á participación, inscribíranse 27 puxadores procedentes principalmente da provincia de Pontevedra, cunha presenza destacada de Lalín, Rodeiro e Silleda. Tamén houbo inscritos de Lugo e A Coruña, o que reflicte o interese que espertan os animais de Mouriscade entre ganderías de distintos puntos de Galicia.