Monforte acollerá un curso de podoloxía práctica en vacún

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte acollerá entre os vindeiros 21 e 28 de setembro un curso de podoloxía práctica en vacún.

A acción formativa, que se impartirá en horario de mañá e tarde, contará cunha duración total de 30 horas e está dirixida a gandeiros profesionais. Nese tempo, os asistentes coñecerán as particularidades do aparato locomotor da vaca, así como os problemas que poden padecer os pezuños e as súas solucións. Ademais, daráselles a coñecer o material que se emprega na podoloxía en vacún e mesmo poderán aprender a exercer en clases prácticas con animais. Por último, saberán como son os equipos de protección persoal e recibirán formación para previr accidentes, sen esquecer aspectos como a sensibilización medioambiental.  

O curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020 que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).