Medio Rural e a SGPF colaborarán no fomento do pastoreo para previr incendios

A Consellería do Medio Rural colaborará coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) na mellora da xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación, impulsando o pastoreo nas franxas de protección das aldeas. Así o acordaron o propio conselleiro, José González, e os responsables deste colectivo, tras unha reunión de traballo en San Caetano, na que tamén participaron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Na xuntanza abordouse a importancia de fomentar actividade agrogandeira nesas faixas de xestión da biomasa como estratexia para a prevención e defensa fronte os incendios forestais e valorouse a achega que pode facer a SGPF nesta materia, no contexto das propostas de traballo da consellería en relación coas recomendacións da comisión de política forestal do Parlamento. Outros asuntos abordados neste encontro tiveron que ver coa incorporación de persoas mozas ao agro ou coa planificación da nova PAC.