A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo este mediodía un encontro con responsables das Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas en Galicia para a realización dos labores de control leiteiro, durante unha xornada de formación para controladores de toda Galicia na que tamén se presentaba a campaña de seme 2026 de Xenética Fontao.
A reunión tivo lugar na mesma semana na que o Consello da Xunta deu luz verde ás axudas que recibirán estas entidades para a realización desas tarefas, que na convocatoria de 2026 contarán cun orzamento de 1 millón de euros, cantidade idéntica á habilitada este ano. Esta liña de achegas pretende compensar en parte, mediante fondos proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.
Cómpre destacar que o control de rendemento leiteiro ten unha influencia directa no porvir do sector lácteo galego como base da mellora xenética nos esquemas de selección e dende o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións. Polo tanto, os beneficiarios últimos son os propios gandeiros e, por extensión, os consumidores, xa que o control incide directamente na mellora da calidade final do produto.