A Consellería do Medio Rural ofertará un total de 406 prazas de novo ingreso nos seus seis centros de formación no vindeiro curso 2025/26, o que supón un 11 % máis con respecto ao curso actual. Así o salientou onte a titular do departamento, María José Gómez, quen deu conta das novidades da oferta formativa nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da que dependen estes centros. Son os de Guísamo (Bergondo), Sergude (Boqueixón), Becerreá, Pedro Murias (Ribadeo), Monforte de Lemos e Lourizán (Pontevedra).
A conselleira destacou que o alumnado destes centros ten un índice de inserción laboral próximo ao 100 %. Así pois, Gómez reafirmou a aposta da Xunta por esta formación vinculada ao agro e ao forestal, que definiu como "moi práctica e achegada ao territorio", o que favorece a rápida inserción.
Nos centros ofértanse un total de oito ciclos de grao medio nas diferentes modalidades e seis de grao superior, que abranguen toda a rama agraria, desde o ámbito da xardinaría e a floraría ata a produción agroecolóxica, a gandería ou a xestión forestal.
En canto ás novidades na oferta formativa, María José Gómez subliñou tres en concreto. En primeiro lugar, a posta en marcha do curso de especialización en Floraría e Arte Floral no centro de Guísamo. A segunda consiste en duplicar as prazas na FP Dual de Gandería e Asistencia en Sanidad Animal que se oferta en Sergude. A terceira ten que ver cos servizos complementarios que se ofrecen nos centros, fundamentalmente de comedor e de residencia.