A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia promove catro charlas informativas sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC) nas catro provincias galegas. As sesións levaranse a cabo a segunda semana de marzo.
As xornadas desenvolveranse en horario de mañá en Ordes, A Coruña (9 de marzo), en Lugo (10 de marzo), en Lalín, Pontevedra (11 de marzo) e en Ourense (12 de marzo). As reunións son de entrada libre e non precisan inscrición previa.
O obxectivo é concienciar os gandeiros sobre as implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas polo Goberno autonómico.
Explicaranse as características desta doenza e as medidas establecidas na normativa comunitaria no caso da súa aparición, así como as condicións sinaladas actualmente para a vacinación. Tamén se incidirá nas medidas preventivas que continúan vixentes en Galicia, como mínimo, ata o 31 de marzo.
O luns 9 de marzo, o concello coruñés de Ordes acollerá esta sesión no auditorio Carmen Regueira (Casa da Cultura) ás 10:30 h. Pola súa banda, o martes 10, o salón de actos da Delegación da Xunta en Lugo acollerá o acto a partir das 11:00 h.
O mércores 11 será a quenda da xornada no Salón Teatro de Lalín (Pontevedra) ás 11:00 h. Ao día seguinte, ás 10:30 h, a sesión de Ourense celebrarase no salón de actos da Delegación da Xunta.