Medio Rural destina 345.000 euros ao fomento do consumo de leite por parte do alumnado de centros educativos galegos

Medio Rural destina 345.000 euros ao fomento do consumo de leite por parte do alumnado de centros educativos galegos

Este venres, a Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas para a subministración de froita, castañas e leite nos centros educativos que así o soliciten para o curso académico 2026/27. Estas axudas, que contan cun orzamento de case 950.000 euros, serán xestionadas a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Segundo o publicado, investiranse preto de 620.000 euros no programa de froita e máis de 345.000 no de leite, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Prazo aberto para Educación Infantil de segundo ciclo, Educación Primaria e Educación Secundaria 

O propósito destas axudas é fomentar o consumo destes produtos desde idades temperás para, deste xeito, formar uns hábitos alimentarios nos que se integren de maneira natural. Os centros educativos que queiran participar terán de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude. Os destinatarios finais desta liña de axudas son os alumnos e alumnas de Educación Infantil de segundo ciclo, Educación Primaria e Educación Secundaria, na que se inclúen igualmente o Bacharelato e a Formación Profesional de grao medio. En total, estímase que máis de 80.000 alumnos e alumnas poderían beneficiarse destas axudas.

Haberá dous períodos de distribución autorizados, de novembro de 2026 a febreiro de 2027 e de marzo a xuño do próximo ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres que, no caso do leite líquido, terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.