A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, resaltou hoxe a aposta de Naturleite pola transformación do leite na nosa comunidade. Así o salientou nunha visita ás instalacións desta empresa dedicada á fabricación e comercialización de produtos lácteos, situadas no concello lucense de Meira, onde foi recibida polo presidente do grupo COVAP, Ricardo Delgado; e a súa directora xeral, María Jesús Peteira.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; María José Gómez destacou a contribución desta ao sector lácteo galego, xa que a principal materia prima que empregan é o leite de vaca, recolléndoo e transformándoo en Galicia.
Así, tamén salientou a importancia do sector lácteo da nosa comunidade, consolidándose como un dos piares da súa economía. Galicia produce o 42 % do leite de España e atópase entre as primeiras rexións europeas produtoras. Este eido representa o 1,5 % do PIB galego e supón o 2 % da produción industrial nacional. En relación coa aposta do Goberno autonómico, cabe sinalar a Estratexia de dinamización do sector lácteo, deseñada de xeito específico para este eido. Esta planificación marca diferentes obxectivos estratéxicos, entre os que se atopa o de aumentar a industrialización en Galicia no leite que se produce na comunidade. Actualmente estase a avanzar no obxectivo do 75 % do leite transformado no horizonte do 2025, co fin último de dotar de valor engadido ao produto.
Neste sentido, a conselleira asegurou que esta estratexia actúa como unha “folla de ruta” para garantir a sustentabilidade e a estabilidade no funcionamento de toda a cadea de valor.