Máis de 200 asistentes á xornada sobre novas tecnoloxías en Sementeira de Millo Forraxeiro organizada polo CETAL

Máis de 200 asistentes á xornada sobre novas tecnoloxías en Sementeira de Millo Forraxeiro organizada polo CETAL

Máis de 200 persoas asistiron á xornada sobre Novas Tecnoloxías en Sementeira de Millo Forraxeiro organizada polo CETAL en colaboración coa entidade financeira ABANCA e a Deputación de Lugo na Granxa Gayoso-Castro de Castro de Ribeiras de Lea (Lugo).

A inauguración do acto correu a cargo do director xeral do CETAL, Javier Bueno, o director de ABANCA Agro, Jesús Combarro e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.

A continuación, iniciáronse as actividades de demostración nas distintas estacións que montaron o cinco empresas participantes: Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation, John Deere e Bayer España.

Dekalb España expuxo temáticas innovadoras en sementeira de millo forraxeiro, como a adaptación da densidade de semente ao híbrido de millo e ao potencial produtivo do chan. Tamén realizou unha demostración sobre a forma de realizar as prescricións de sementeira para programar doses variables en función das distintas zonas da parcela.

A compañía The Climate Corporation presentou a ferramenta informática Climate Field View, que utiliza imaxes captadas por satélite para planificar a sementeira nas diferentes zonas da parcela, así como para realizar o seu seguimento en tempo real e analizar os datos obtidos.

Agrícola Noroeste e John Deere presentaron a nova sementadora de millo 1725NT de oito corpos, que realizou unha demostración práctica de sementeira a alta velocidade (16 km/h), con dose variable e realizando control de tramos para optimizar a superficie sementada. O programa Field View levou a cabo o control da sementadora durante o traballo, variando a dose de semente automaticamente en función da zona da parcela na que se localizaba o tractor.

Por último, a empresa Bayer España expuxo as súas novidades en relación aos produtos fitosanitarios utilizados no cultivo do millo forraxeiro.

As novas tecnoloxías presentadas na xornada permiten realizar sementeira do millo forraxeiro cunha maior eficiencia e optimizar, por tanto, o potencial produtivo tanto das variedades de millo utilizadas como das condicións de chan e clima da parcela na que se implanta o cultivo.

A xornada finalizou cunha comida na que os asistentes puideron intercambiar as súas impresións sobre o desenvolvemento da demostración.