DÍA DA TERRA

Manuel Cruz recibe un recoñecemento na Escola Politécnica de Enxeñería de Lugo

Manuel Cruz recibe un recoñecemento na Escola Politécnica de Enxeñería de Lugo

Con motivo da conmemoración do Día da Terra, o director dos programas informativos O Agro e Labranza (TVG), o xornalista Manuel Cruz Rodríguez, recibiu hoxe da man do director da EPS de Enxeñería de Lugo, Tomás S. Cuesta, un agasallo de agradecemento polo seu labor de divulgación das actividades agrícolas, gandeiras e forestais de Galicia, que desenvolve a través da canle pública.

Na súa intervención, Cuesta fixo referencia aos logros acadados pola EPS nos seus primeiros 50 anos de vida a prol da transformación e a modernización dos sectores agrario, forestal e gandeiro de Galicia. Na actualidade, esta facultade sitúase entre as 250 mellores do mundo e é a primeira en España en títulos forestais. Así mesmo, o director da Escola Politécnica de Enxeñería luguesa destacou a contribución dos programas que dirixe Cruz á transformación experimentada polo sector primario no último cuarto de século.

A continuación o agasallado –que se recoñeceu nervioso por ser nesta ocasión o protagonista do acto– fixo un repaso pola historia dos programas O Agro e Labranza e lembrou a figura do seu predecesor, Anxo Vázquez, a quen lle atribúe o mérito da posta en marcha destes espazos informativos.

Manuel Cruz afirmou que os programas que dirixe se identifican cos valores, os principios e os obxectivos do Campus Terra, xa que “se algo necesita o agro é formación e información para sobrevivir” e resaltou a importancia do “capital humano” como alicerce para seguir progresando. Neste senso fixo referencia ao espírito da EPS de loitar por proporcionarlles un futuro mellor ás novas xeracións dos sectores agrogandeiro e forestal, “rapaces que van facer que se manteña o espírito agrario de Galicia”.