A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, que se celebrará do 20 ao 22 de febreiro de 2025 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, volverá converterse nun referente para o vacún frisón a través da celebración dos concursos desta raza.
Organizados pola Federación Frisoa Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán como eixos principais os concursos morfolóxicos, os cales se levarán a cabo o 22 de febreiro. Estes serán o Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga, o cal cumpre a súa trixésimo terceira edición, e o Open Internacional da Raza Frisona GandAgro, que chega á súa trixésimo sétima convocatoria.
A estes certames sumarase, tamén de man de Fefriga, o venres 21 de febreiro, o XLII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Engadirase, o mesmo día, o XX Concurso Internacional de Mozos Preparadores de Gando GandAgro´25, no que os participantes mostrarán a súa destreza preparando ao gando que logo se presentará en pista.
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nestas competicións, que finalizará o 17 de xaneiro no caso dos concursos morfolóxicos e o 3 de febreiro nos de manexadores e preparadores. A súa documentación está dispoñible na páxina web de Fefriga e tamén na páxina da feira Abanca Cimag-GandAgro.
AUMENTO DOS PREMIOS
Nesta edición tanto o Concurso Autonómico como o Open Internacional da Raza Frisona aumentaron as axudas á participación. Así, no Autonómico pasa a ser de 100 € por becerra e xovenca participante e 150 € por vaca, mentres que no Internacional sitúase en 60 € por becerra e xovenca e 100 € por vaca.
Ademais, o XXXVII Open Internacional incrementou os seus premios de forma notable. A xovenca gran campiona pasará de recibir 600 € a 1.200 €, mentres que a vaca gran campiona pasará de obter 1.000 € a 2.500 €, un 150 % máis. Así mesmo, as subcampionas recibirán premio en metálico por primeira vez, con 600 € no caso da xovenca e 1.000 € no da vaca.
En canto ao XXXIII Concurso Autonómico, mantén os premios cos que pretende continuar recoñecendo tanto a gañadores como a segundos postos en todas as súas categorías. Así, a xovenca gran campiona recibirá 600 € e a vaca gran campiona 1.000 €, mentres que nos campionatos menores os premios serán de 150 € no caso do exemplar gañador e de 50 € no segundo posto. Ademais, os criadores teñen premio en metálico, recibindo o mellor criador autonómico 600 € e o segundo 300 €, e tamén obtendo o mellor criador de xovencas 300 € e o segundo 150 €.
Coas melloras en axudas e premios desta edición, a organización pretende facer patente o seu recoñecemento aos criadores, polo seu esforzo tanto na mellora xenética dos animais como en todo o proceso que require a participación neste tipo de concursos.