Os bos resultados económicos centraron a Asemblea Xeral Ordinaria de Aira

  • Superouse o crecemento económico previsto no plan de negocio, que prevía un 10 % en tres anos, logrando un aumento do 6 % en 2017 cun volume de negocio de 97,8 millóns de euros e un EBITDA de 2,6 millóns.
  • Os datos dos primeiros cinco meses de 2018, con 43,3 millóns de euros de volume de negocio e 1,3 millóns de EBITDA, indican, ademais, que este ritmo de crecemento se vai manter.
  • Valorizar as producións das explotacións dos socios, facer o máis rendibles posible os servizos prestados e seguir en 2019 a liña de crecemento dos investimentos son os obxectivos básicos do plan de actuación para 2018.

O pavillón deportivo de Taboada (Lugo) acolleu esta mañá a Asemblea Xeral Ordinaria de Aira logo da integración das cooperativas Icos, Agris, Coelplan, Cogasar e a propia Aira, a cal iniciou a súa andadura o 1 de xaneiro deste mesmo ano.

Tras seis meses a pleno rendemento xa como cooperativa de primeiro grao, os temas clave da reunión foron o balance de resultados do ano 2017, a fixación da achega obrigatoria para ser socio e a análise do estado do plan de actuación para 2018.

En canto á aprobación das contas, o director xeral da cooperativa, Daniel Ferreiro, subliñou que “os resultados non poden ser máis positivos. O crecemento económico que tiñamos previsto para este ano, do 3,5 %, xa foi mellorado ata un 6 % e o volume de negocio alcanzado superou con amplitude os 92,5 millóns de euros prognosticados, chegando aos 97,8 millóns de euros e aos 2,6 millóns de EBITDA”. A proxección dos resultados dos cinco primeiros meses deste ano elevaría o volume final de negocio aos 105 millóns de euros en EBITDA de 3,5 millóns.

Neste senso acordouse que o reparto dos beneficios entre os socios se fará en función do volume da actividade cooperativizada, e tamén se acordou a fixación de cotas de entrada e a achega de capital para os novos socios.

O terceiro punto da orde do día dedicouse á análise do plan de actuación para 2018. Tres son os piares básicos deste programa: valorizar as producións das explotacións dos asociados, facer o máis rendibles posible os servizos prestados sen prescindir de ningunha das sedes e seguir en 2019 a liña de crecemento iniciada este ano. O investimento para 2018 vai ser de 4 millóns de euros –fronte aos 2,5 millóns de euros previstos inicialmente–, dos que xa se levan executados máis do 60 %.

Precisamente nestes aspectos insistiu o presidente de Aira, José Manuel Tellado, ao destacar que un dos nosos obxectivos é “optimizar as nosas granxas, prestarlles asistencia da maneira máis próxima e eficaz posible e seguir apostando polos proxectos de transformación”.

Así mesmo, tamén se reafirmou o compromiso da participación da cooperativa no proxecto empresarial galego DairyLac, o de promover a renovación do parque de maquinaria e o de garantir a mellora das delegacións.