Chega a edición 2019 da Semana Gandeira de Mazaricos

O alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro; o presidente da Asociación de Gandeiros, Óscar Blanco; o presidente de Africor, Manuel Antelo, e Marcos Costoya, tamén de Africor, presentaron a edición 2019 da Semana Gandeira de Mazaricos que terá lugar do 25 de novembro ao 1 de decembro.

Blanco Riveiro explicou que se trata dunha “semana chea de actividades”. “Coma sempre, apostamos pola formación”, explicou, “por iso haberá un obradoiro de elaboración de produtos lácteos de balde con Lidia Ferreras, do Laboratorio Lácteo Gallego”. O mandatario resaltou a “implicación” dos hostaleiros que ofrecerán unha ruta de tapas o venres 29 e o sábado 30 baseadas en produtos lácteos e cárnicos. As persoas participantes deben selar en, polo menos, 3 locais de 3 parroquias para entrar no sorteo de 2 cheques de 50 euros para gastar nos locais da vila. Por outra banda, o rexedor destacou tamén as actividades que se van desenvolver o sábado pola tarde no recinto feiral polivalente para nenos e nenas, con “obradoiros de estampado de roupa, trenzado de palla, touro mecánico, degustación gratuita de Bico de Xeado e merenda”.

XORNADA TÉCNICA

Tras o alcalde tomou a palabra o presidente da Asociación de Gandeiros, Óscar Blanco, que sinalou que as xornadas técnicas que se desenvolverán o sábado de dez e media da mañá a dúas e media da tarde na Casa da Cultura, “pivotan sobre temas de total actualidade”. “Desde a Asociación de Gandeiros organizamos catro charlas: na primeira José Antonio Jiménez Montero, doutor enxeñeiro agrónomo, xefe do departamento técnico de CONAFE, tratará sobre as novidades no programa de selección da raza frisona”. Tras esta primeira conferencia, os gandeiros coñecerán a aposta de Abanca pola sustentabilidade do sector con Jesús Combarro Pereira, director de Banca Agro de Abanca. Blanco resaltou que na parada de media mañá haberá “unha mesa de degustación de produtos lácteos da Casa Grande de Xanceda á que se pode sumar toda a veciñanza”.A terceira charla é, para Blanco, moi importante porque “unha das cuestións de futuro para as granxas van ser os aforros enerxéticos e esta charla versará sobre a enerxía fotovoltaica nas granxas a cargo dos compañeiros de Nortesla”. A derradeira charla será sobre a mellora de eficiencia no uso do xurro como fertilizante que impartirá Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo do CIAM.

O último en intervir foi Manuel Antelo, de Africor, que felicitou á Asociación de Gandeiros por traer  “unhas xornadas técnicas de temas moi candentes no sector”. Sobre a poxa de gando frisón, Antelo sinalou que houbo unha “gran aceptación por parte dos gandeiros, temos 17 explotacións inscritas e preseleccionados 50 animais de 10 concellos dos que quedaremos con 20-25”. Para Antelo estes números “indican a prevalencia desta poxa, os gandeiros apostan por ela porque é un referente a nivel Galicia”. Antelo incidiu en que a maioría dos exemplares son “animais en lactación, tal e como demanda agora o sector”. “Vai ser un éxito rotundo”, sostivo.

Tanto Antelo como Blanco Riveiro quixeron lembrar que a poxa será Memorial José Moreira, impulsor desta poxa falecido o pasado ano. “É unha das poucas persoas das que eu afirmo que o sector lle debe moitísimo e Mazaricos é un bo exemplo disto”, concluíu Antelo.

Programa