As XVII Xornadas Técnicas de Seragro celebraranse os días 14 e 15 de novembro

As XVII Xornadas Técnicas de Seragro celebraranse os días 14 e 15 de novembro

A décimo sétima edición das nosas Xornadas Técnicas terá lugar os días 14 e 15 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo e, como vén sendo habitual, a asistencia será libre e gratuíta.

Entre os relatores que compartirán este ano os seus coñecementos, investigacións e experiencias cos técnicos e gandeiros concorrentes estarán os internacionais Gordon Jones (EE. UU.) –asesor veterinario en Wisconsin que profundará nas claves para lograr a excelencia na produción de leite–, Peter Van’t Veld(Holanda) –que ofrecerá unha conferencia sobre calidade e manexo de lactosubstituíntes– e Rebeca Cembranos –asesora en nutrición de granxas na Saxonia (Alemaña), cuxo relatorio leva por título ’40.000 kg de leite por vaca’–.

As diferentes alternativas para o descanso das vacas centrarán un dos bloques temáticos da programación. Abordarán o tema desde diferentes puntos de vista o técnico de xestión Gonzalo Gómez, o podólogo José M.ª García, o investigador Adolfo López, o veterinario de calidade do leite Oriol Franquesa e o gandeiro Pedro Ezcurra.

De calidade do leite falarán, tamén desde varias perspectivas, o enxeñeiro agrónomo Jaime Magdalena, a veterinaria Almudena Tato e a directora técnica do Ligal, M.ª Luisa Barreal, mentres que o veterinario xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, o fará da produción de leite en ecolóxico.

Ademais do xa citado Oriol Franquesa, desde Cataluña virán os veterinarios Ramón Armengol, que disertará de eliminación e descarte de vacas na explotación leiteira, e David García, que abordará como controlar insectos, roedores e aves en vacún leiteiro.

Completan o programa o CEO de Sexing Technologies, Juan Moreno, cunha conferencia centrada na aplicación de biotecnoloxía para a produción sostible de proteína animal, e a alergóloga Beatriz Veleiro, que porá punto e final ás xornadas cunha conferencia na que falará sobre as posibles alerxias nunha granxa de produción de leite.

Programa completo (PDF)