A Federación Frisona Galega (Fefriga) deu a coñecer os nomes das ganderías galegas distinguidas este ano coas súas Distincións Honoríficas, que premian o esforzo, a dedicación e a profesionalidade dos criadores máis destacados de 2024.
Na categoría de Mellores Explotacións por Produción, o primeiro posto foi, por sexto ano consecutivo, para Ganadería Rodasinde S.C. (O Saviñao, Lugo), seguida de SAT As Pandas (Vilalba, Lugo) e Casa do Rego (Láncara, Lugo).
Pola súa parte, na categoría de Mellores Explotacións por Cualificación Morfolóxica, o liderado correspondeu a Mantoño Holstein (Barreiros, Lugo), Baixo Holstein (Sarria, Lugo) e Finca La Asunción (Touro, A Coruña).
No que respecta ás Mellores Explotacións por ICO, encabeza a lista SAT Agosto Darriba (A Pastoriza, Lugo), seguida de Finca Mouriscade e Abonxo, ambas de Lalín (Pontevedra).
Na categoría de Mellores Producións Vitalicias, que recoñece ás vacas con máis de 100.000 kg de leite ao longo da súa vida, destacan SAT Ganadería Xusto (Lugo) co seu exemplar Xusto Braxton Benzema; Grille S. Coop. Galega (A Coruña) con Grille Bradnick 347, e Mosquera (A Coruña) con Petra.
Entre as Mellores Vacas Produtoras de 2024, volve figurar á cabeza Xusto Braxton Benzema, de SAT Ganadería Xusto; xunto a Lodos Torrel Merita, de SAT Lodos e Pérez (Lugo), e As Pandas Missione 874, de SAT As Pandas (Lugo).
Finalmente, na categoría de Mellores Primeirizas, sobresaen Finca Marisa (A Coruña) con Penedo Pluto 0328 e Penedo Montana 2781, e Ganadería Rodasinde S.C. (Lugo) con Rodasinde Humblenkind 682 7771.
Para a concesión destas distincións, Fefriga establece criterios específicos segundo a categoría: número mínimo de lactacións ou animais cualificados, porcentaxes de femias avaliadas ou inscritas no Rexistro Auxiliar, idade no parto no caso das xovencas, ou producións vitalicias superiores aos 100.000 kg de leite, entre outros.