Que lle dirías a un gandeiro que pensa que a vacina lle vai “quitar” a mamite da granxa?
Que está equivocado. As vacinas da mamite, por desgraza, non son como outras coas que ti sabes que tes un axente causal, pos unha vacina, telo controlado e non volves ter problemas con esa enfermidade. No caso da mamite non é así; primeiro, porque son multifactoriais, hai moitos aspectos dentro da granxa que inflúen na súa incidencia e, segundo, porque a inmunoloxía do ubre é complicada, non ten unha resposta inmunitaria tan específica e, polo tanto, a vacina axuda, pero non cho vai solucionar todo.
Cando paga a pena vacinar e cando é mellor centrarse antes no manexo e nas rutinas?
Sempre é preferible centrarnos primeiro no manexo e na rutina, en cambiar todo o que nos poida estar favorecendo ter mamite. A vacina serve como apoio dentro dese programa de prevención e control. Ademais, as vacinas que temos comercialmente agora mesmo só son fronte a tres tipos de bacterias; por iso, precisamos un historial de analíticas na granxa e, se a causa das nosas mamites non ten vacina, non empregalas. Non se poden usar á toa; primeiro, debemos aplicar medidas preventivas; segundo, saber que bacteria é a causante maioritaria e, terceiro, decidir se vacinar ou non.
En que ten que centrarse o gandeiro ao implantar un plan de vacinación?
En facer ben o protocolo: vacinar cando toca e asegurar que a vacina estea en boas condicións. Os resultados ímolos vendo co resto dos datos da granxa: células somáticas, mamites, porcentaxe de curacións… O gandeiro, como traballo adicional por implantar un plan de vacinación, non ten nada máis que facer que vacinar, se é el quen o fai.
Cando se empezan a ver resultados e que sinais temperáns indican que o plan funciona?
No caso das vacinas contra a mamite, os resultados adoitan ser a longo prazo; non se ven de maneira inmediata. De feito, ás veces bota para atrás porque esperamos poñer a vacina e ver cambios rápido. O que si podemos ir vendo é que as mamites, segundo o tipo de bacteria contra a que esteamos actuando —por exemplo, con E. coli é moi claro—, son máis suaves e as vacas responden mellor aos tratamentos. E, no caso das contaxiosas, a longo prazo deberiamos ver menos contaxios en vacas novas.
Que datos básicos hai que mirar para saber como está unha granxa?
Para monitorizar de maneira doada, hai que saber a porcentaxe mensual de vacas sas e levar un control mensual de novas infeccións e de crónicas. E, por suposto, a porcentaxe de mamites. Dentro desa porcentaxe, analizar se son xovencas, se son vacas de segundo ou terceiro parto, se están próximas ao parto, se son do primeiro terzo de lactación ou de máis adiante… para valorar cara a onde dirixir os cambios. Tamén hai que monitorizar o secado.
Se unha granxa non rexistra (ou rexistra mal), que método simple recomendas para comezar?
Eu teño xente que apunta as mamites nun anaco de papel e con iso imos tirando. Hai quen usa un encerado. É difícil ter un rexistro de mamites en moitas ganderías e, sobre todo, un que sexa fiable, porque “que é mamite” cambia segundo a granxa. Hai que adestrar o gandeiro ou o traballador en que queremos que anote e, despois, que utilicen o sistema que mellor lles encaixe. De nada serve que te empeñes nun rexistro supercompleto, se a eles non lles funciona.
Cando paga a pena tomar mostra ao aparecer mamite?
Existen diferentes escolas. Hai veterinarios ou zonas, aquí en Galicia faise moito, que practicamente analizan toda mamite que sae. Nós, en Castela e León, traballamos así: nunha granxa nova elaboramos un panel de analíticas de mamite e de tanque, e logo, dependendo do axente causal maioritario, decidimos unha rutina de mostraxe.
Como se determina se o problema vén máis do muxido ou do ambiente?
Nas granxas, as mamites pódense dividir entre contaxiosas e ambientais, e iso indícancho as analíticas.
Hai bacterias, como o uberis, que son mixtas, e entón tes que tomar medidas nos dous sitios. Pero a analítica é fundamental; primeiro, saber que tes e, a partir de aí, decidir se te implicas máis no ambiental ou máis no control de contaxiosos. Iso si, a rutina de muxido, sexa ambiental ou contaxiosa, hai que intentar mellorala sempre para evitar a circulación de bacterias durante o muxido.
Que accións durante a rutina de muxido adoitan notarse máis nos resultados?
Algunhas están relacionadas co muxido en si, é dicir, o que ten que ver con que a vaca dea o leite correctamente, tempos na rutina, tempos de retirada, datos máis propios do muxido… Logo está a parte hixiénico-sanitaria: desinfección e limpeza de tetos, selado… Hai que actuar nas dúas e, no muxido, cinguirnos ao bioloxicamente axeitado para a vaca. No apartado sanitario, sempre que se poida, desinfección e predipping. “O que toca unha vaca non toca outra”: utilizar trapos ou papel individual e, despois, un postdipping ou un selador.
En canto ao persoal, que erro é o máis habitual?
Ir con présa e non formar a xente. O equipo que está no muxido ten que saber e non abonda con dicir “isto faise así”. Hai que explicarlles por que, para que sexan conscientes dos riscos de non facelo; non é facer as cousas ben porque si, senón porque teñen un sentido.
Que importancia ten o selado e que a vaca non se deite xusto despois do muxido?
O selado é fundamental en calquera granxa. O de que as vacas non se deiten xa o tiñamos: achégaslles a comida, botas alimento fresco…, pero cos robots iso complícase, porque sobre un animal que sae do robot non sabes se vai estar media hora de pé ou non. Por iso, en granxas con robot multiplícase a importancia de que as camas estean limpas, porque o teto vai estar aberto e non imos poder controlar ese tempo. Ademais, xa non son dous muxidos ao día: hai produtoras que se moxen catro ou cinco veces, co cal ese tempo se alonga moitísimo.
A que hai que prestar atención respecto ás camas para que o ubre chegue limpo ao muxido?
A que a cama estea limpa. Co robot pasa que as vacas xa non saen a unha sala de espera e non queda a nave baleira para facer traballos de mantemento de camas. Teño granxas que empezaron con robot e disparáronselles as mamites ambientais, e non é polo robot, é porque as camas non se están manexando tan ben coma antes. É fundamental que o ubre se apoie sobre un sitio con poucas bacterias, o máis limpo posible. E cada granxa, segundo o espazo, o tipo de instalación, os metros ou cubículos por vaca, o tipo de cama (area, palla, serradura, carbonato…) e a capacidade dos operarios, ten que ter o seu protocolo de mantemento.
Que cambio consideras máis importante para baixar a presión ambiental?
Controlar o amoreamento, o número de vacas que temos na nave. Afecta á calidade ambiental, fai que haxa unha maior circulación de bacterias e, ademais, impacta moito no sistema inmune. A vaca vaise estresar se non ten sitio onde deitarse; se para comer, beber ou ir muxirse ten que pelexar… Son animais xerárquicos e todo o que sexa amoreamento, aínda que pareza unha porcentaxe pequena, impacta moito nelas.
Que aspectos recomendas ter en conta en relación coa comida e a auga de bebida?
A auga das vacas ten que ser potable. Non teñen menos dereitos ca nós a beber auga potable e unha auga de mala calidade aféctalles. Ademais, hai que ter en conta que teñen un rume cheo de bacterias: calquera alteración desas bacterias pódelles causar problemas de saúde de todo tipo.
En canto á comida, hai que manter a regularidade nos horarios do unifeed. Isto noteino moito no robot porque, como a vaca ten unha alimentación á parte, que é a do penso —un concentrado con moita enerxía—, é importante que sempre teña comida ou que saiba cando a vai ter, para evitar, por exemplo, problemas de enchentes.
Como enfocas a calidade do leite nunha granxa con robot de muxido?
Cambia un pouco. As medidas preventivas son as mesmas: camas limpas, alimentación axeitada, boas condicións de almacenamento e conservación dos alimentos. Pero hai un factor diferente: temos un mesmo aparello, unhas mesmas tetoeiras que moxen todas as vacas. Se hai algún contaxioso, é un factor de risco. O primeiro é descartar a presenza de contaxiosos, porque, en canto os tes, debes enfocarte en desinfección de tetoeiras, desinfección despois da vaca ou separación de lotes. En ambientais, son as mesmas medidas ca con sala: camas, alimentación, ambiente, ventilación, estrés por calor…
Que outros cambios habería que destacar nunha granxa que pasa a robot de muxido?
Sobre todo cambia a organización da propia granxa. As vacas afanse moi facilmente, nun par de meses ou menos. É o gandeiro o que ten que cambiar a forma de traballar, e é máis do que parece. Traballo con algúns que me dixeron que lles levou un par de anos adaptarse de todo. Iso tamén depende de se xa manexaban datos no ordenador, se xa tiñan programas de xestión... Así mesmo, é un cambio para os traballadores, porque persoas que facían o muxido —unha das cousas máis importantes na granxa— pasan a outros labores que consideran menos relevantes e pode ser difícil metelos nesas novas rutinas.