As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro xa teñen datas: o 12 e 13 de novembro en Lugo

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro xa teñen datas: o 12 e 13 de novembro en Lugo

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro SCG xa teñen datas para a súa próxima edición: celebraranse os días 12 e 13 de novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, unha cita xa consolidada que volverá situar a cidade como referente do sector lácteo do noroeste peninsular.

De carácter totalmente gratuíto, este encontro afianzouse como unha das principais referencias técnicas para o vacún de leite, reunindo cada ano a gandeiros, veterinarios, enxeñeiros agrónomos, técnicos de cooperativas e empresas do sector, ademais de estudantes e outros profesionais vinculados á produción láctea. A programación volverá combinar relatorios técnicos, experiencias de granxa e espazos para o intercambio de impresións entre os asistentes.

Con esta iniciativa, Seragro SCG, cooperativa de referencia na prestación de servizos técnicos a explotacións gandeiras en Galicia, reafirma o seu compromiso coa formación continua e a actualización de coñecementos nun contexto marcado pola evolución técnica, normativa e económica do sector.