- A xestión da recría, un dos temas centrais desta edición, tratouse amplamente da man de Felipe Fraga (Seragro), Laura Molina (Rusama Ganadería), Sandra Mella (Finca Fonteboa) e Ares Rubies (Granja San José).
- As charlas continúan mañá dende as 11:00 horas e afondarán en aspectos como o marco laboral, a dixitalización ambiental, a saúde podal e o avance da intelixencia artificial nas granxas de vacún leiteiro.
O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu hoxe a primeira parte da 22.ª edición das Xornadas Técnicas de Seragro, centrada en temas clave da produción leiteira como a recría, o benestar animal e o impacto da tecnoloxía nas explotacións. Na inauguración estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o presidente de Seragro, Víctor Manrique, e o decano en funcións da Facultade de Veterinaria de Lugo, Luis Quintela.
O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, abriu o programa coa exposición “O sector lácteo galego: situación actual e transformacións recentes”, na que destacou o liderado de Galicia como principal rexión produtora de leite do Estado e unha das dez primeiras da UE. Subliñou a consolidación dun modelo produtivo eficiente e competitivo, o equilibrio económico da cadea láctea e a necesidade de mantemento do consumo interno.
Felipe Fraga, técnico do Servizo de Recría de Seragro SCG, incidiu nos principios básicos de orientación e ventilación en naves de recría, facendo fincapé en que o futuro dunha gandería se constrúe dende as instalacións. Argumentou que unha orientación e ventilación axeitadas melloran o confort, a saúde e a rendibilidade do gando. Pola súa banda, Laura Molina, doutora en Veterinaria, profesora da Facultade de Veterinaria de Córdoba e asesora en recría de Rusama Ganadería, explicou como as enfermidades en idades temperás deixan unha pegada permanente na vaca adulta. Apostou por reforzar o benestar e a saúde dende o nacemento como condición indispensable para garantir a rendibilidade.
A experiencia práctica estivo presentada por Sandra Mella, de Finca Fonteboa (Frades, A Coruña), quen describiu a evolución da súa gandería (centrada na mellora da recría e na profesionalización dos protocolos de manexo) e explicou que o seu próximo obxectivo é ampliar instalacións para incrementar a taxa de reposición, e por Ares Rubies, de Granja San José (Huesca), que defendeu a recría como o eixe vertebrador do futuro das explotacións gandeiras, clave para manter a estabilidade produtiva e a remuda xeracional.
Desde Wisconsin (EE. UU.), Jordan T. Matthews, socio de Rosy Lane Holsteins LLC, compartiu a filosofía da súa granxa: “grandes persoas, grandes vacas, grandes resultados”. Sinalou a importancia da formación do persoal, da selección xenética e da reinversión tecnolóxica constante para lograr unha rendibilidade sostible. Por outra banda, en materia reprodutiva, Sonia Rodríguez, do Servizo de Reprodución de Seragro SCG, analizou cando é o mellor momento para inseminar, destacando o equilibrio entre os intervalos de partos e a preparación fisiolóxica da vaca como factores decisivos para acadar bos resultados reprodutivos.
As sesións técnicas remataron coa exposición de Liliana Fadul (Lactanet) sobre produción e sistemas de muxido, que amosou que o aumento de produción asociado aos robots responde máis ao benestar animal que á tecnoloxía en si, e coa de Miguel Iglesias (Deheus), que abordou como optimizar a alimentación en sistemas robotizados, apostando por unha xestión integral baseada na nutrición de precisión e no seguimento constante dos datos.
Esta primeira xornada de conferencias rematou co habitual encontro gandeiro. As charlas continúan mañá dende as 11:00 horas e afondarán en aspectos como o marco laboral, a dixitalización ambiental, a saúde podal e o avance da intelixencia artificial nas granxas de vacún leiteiro.