Este mediodía púxose o broche final á primeira edición deste verán da Escola de Iniciación de Futur@s Gandeir@s (a segunda edición terá lugar do 18 ao 22 de agosto), organizada pola Federación Frisona Galega (Fefriga) en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros. Durante cinco intensas xornadas na finca Mouriscade de Lalín (Pontevedra), unha vintena de mozos e mozas de entre 8 e 25 anos achegáronse ao mundo da gandería a través de formación práctica e teórica.
Os participantes adquiriron coñecementos sobre manexo de animais, preparación para concursos, alimentación, xenética e benestar animal, todo iso guiado por profesionais do sector e nun entorno que favorece a convivencia, a aprendizaxe e a vocación gandeira. Esta iniciativa busca fomentar o relevo xeracional e espertar o interese pola gandería entre a mocidade.

Como peche da actividade, o grupo desprazouse ata Lalín para asistir á entrega oficial das Distincións Honoríficas Fefriga 2025, na cal participou a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez. Estes galardóns recoñecen o esforzo, a profesionalidade e a mellora continua das ganderías máis destacadas do último ano.
- Na categoría de Mellores Explotacións por Produción, o primeiro posto foi, por sexto ano consecutivo, para Gandería Rodasinde S.C. (O Saviñao, Lugo), seguida de SAT As Pandas (Vilalba, Lugo) e Casa do Rego (Láncara, Lugo).
- En Cualificación Morfolóxica, destacaron Mantoño Holstein (Barreiros, Lugo), Baixo Holstein (Sarria, Lugo) e Finca A Asunción (Touro, A Coruña).
- Por Índice ICO, liderou SAT Agosto Darriba (A Pastoriza, Lugo), seguida de Finca Mouriscade e Abonxo (Lalín, Pontevedra).
- En Producións Vitalicias, sobresaíron as vacas Xusto Braxton Benzema (SAT Gandería Xusto, Lugo), Grille Bradnick 347 (Grille S. Coop. Galega, A Coruña) e Petra (Mosquera, A Coruña).
- No que respecta ás Mellores Vacas Produtoras, repetiu liderado Xusto Braxton Benzema, xunto a Lodos Torrel Merita e As Pandas Missione 874.
- En Mellores Primeirizas, foron recoñecidas Penedo Pluto 0328 e Penedo Montana 2781 (Finca Marisa, A Coruña), e Rodasinde Humblenkind 682 7771 (Gandería Rodasinde S.C., Lugo).