A Xunta fixa a postura de Galicia en relación á reforma da PAC

A Xunta fixa a postura de Galicia en relación á reforma da PAC

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá o documento que fixa a postura de Galicia de cara a reforma da Política Agraria Común (PAC). O texto foi subscrito por representantes de Unións Agrarias, da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Dito documento será trasladado agora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta para incorporar as achegas de Galicia á posición conxunta de España como país membro.

O texto contén un decálogo de medidas que inclúen a petición de manter unha PAC coherente e común en toda a Unión Europea, o que implicaría o establecemento duns criterios igualitarios e obrigatorios nas principais definicións para todos os estados membros. Así mesmo, recolle a necesidade de que se recoñezan tamén as particularidades e situacións concretas de cada territorio.

Abórdase ademais a posibilidade de reducir o tope máximo de axudas por explotación, que estaría en 100.000 euros e se propón reducir a 60.000, cos obxectivos de favorecer ás pequenas explotacións e de poder investir ese remanente noutras áreas como a do fomento da incorporación dos mozos ao traballo agrario.

Entre as outras propostas recollidas destacan a discriminación positiva para as pequenas explotacións e para as zonas de montaña e con limitacións naturais, o incremento de polo menos un 15 % da proposta da Comisión para que as axudas asociadas pasen a ser unha gran parte das achegas directas (as cales deberán ter carácter nacional para evitar discriminacións) e a posta en marcha dun sistema de asesoramento para os agricultores e de control de risco.

Ler acordo completo