O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural para impulsar a contratación de seguros agrarios, cun orzamento de 9,5 millóns de euros. O obxectivo é seguir elevando o nivel de aseguramento nas explotacións agrícolas e gandeiras da comunidade, especialmente na produción vexetal, o ámbito onde se contratan menos pólizas.
As subvencións apoiarán a contratación en 2026 dunha ou varias pólizas e poderán beneficiarse tanto persoas empresarias individuais como sociedades titulares de explotacións en Galicia. Con carácter xeral, a axuda cubrirá ata o 75% do custo da póliza sumando fondos autonómicos e estatais. Ademais, as pólizas subscritas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros contarán cun 4% adicional.
Os seguros subvencionados inclúen múltiples producións e contemplan coberturas como a retirada e destrución de cadáveres de animais ou a perda de gando e colleitas. A Xunta subliña o papel de Agroseguro, integrado polas principais aseguradoras españolas, dentro dun sistema considerado de referencia internacional.