O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do prazo -ata o vindeiro día 31 de marzo incluído- para solicitar as axudas destinadas a plans de mellora, á incorporación de agricultores mozos ao agro e ao desenvolvemento de pequenas explotacións.
O conselleiro do Medio Rural, José González, indicou que a medida de prolongar o prazo se adoptou co fin de darlle ao sector máis tempo para facer os trámites oportunos e lembrou que estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, ascenden nesta convocatoria a 41 millóns de euros.