Os investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Cristina Castillo e Gonzalo López Lorenzo resultaron galardoados na edición de 2018 dos premios anuais concedidos pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (Racve).
Por unha banda, foi a profesora da área de Medicina e Cirurxía Animal, investigadora do grupo da USC Metabolismo e Patoloxía Animal e colaboradora da nosa revista, Cristina Castillo, a recoñecida co VI Premio Andrés Pintaluba. Recibiuno grazas a unha investigación na que salienta o reto que supón para o sector produtivo a procura de novas fontes de alimentos que contribúan á optimización da produción gandeira ante a problemática que implica a superpoboación presaxiada pola FAO para o ano 2050, cando a demografía mundial acadará a cifra de 9.000 millóns de persoas (2.000 millóns máis que na actualidade).
O traballo asinado por Castillo analiza a posibilidade de utilizar como fonte forraxeira residuos dunha planta mariña comunmente atopada nas costas mediterráneas e que se coñece como Posidonia oceánica. Os resultados da investigación conclúen que as follas secas que chegan de forma natural ás costas poden ser recollidas no período turístico, procesadas sinxelamente e servir como unha nova fonte de materia prima forraxeira capaz de achegar unha excelente subministración de minerais, fibra e antioxidantes (algúns con acción bactericida), contribuíndo a reducir os custos de produción gandeira.
Por outra banda, o V Premio Laboratorios Ovejero recaeu no membro do grupo Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC Gonzalo López Lorenzo, por unha investigación baseada no desenvolvemento dunha técnica nova e alternativa para estudar a epidemioloxía das enfermidades.
Coñecer como se comportan os patóxenos no ambiente, as vías polas que poden entrar ás granxas, as zonas nas que se poden acumular este tipo de patóxenos e desde as que se poden diseminar con risco para infectar e/ou reinfectar aos animais constitúen algunhas das incógnitas ás que busca dar resposta neste traballo. López Lorenzo conclúe, entre outras consideracións, que, á hora de elaborar plans de control de enfermidades, o ambiente destas áreas tamén debe terse en conta pola súa implicación no mantemento dos patóxenos e, por tanto, na epidemioloxía das infeccións.