A pasteurización dos lácteos elimina o risco de transmisión de gripe aviar aos humanos

A pasteurización dos lácteos elimina o risco de transmisión de gripe aviar aos humanos

 

Distintos estudos lembran que o leite UHT e os seus derivados non son produtos de risco, xa que os procesos de esterilización polos que pasa descartan calquera resto activo da enfermidade.

A revista Nature confirmaba a principios de mes que o virus H5N1, causante da gripe aviaria, podía ser transmitido aos mamíferos. Antes da súa publicación detectouse un caso desta enfermidade nos Estados Unidos, concretamente en Texas, onde un traballador a contraeu tras o contacto con vacas infectadas. A manifestación da enfermidade non foi respiratoria, senón que se observou a través dunha leve conxuntivite, desenvolvida despois de que o afectado non empregase protección ocular durante o manexo con estes animais. No entanto, a afección foi leve e os seus contactos próximos non chegaron a manifestar síntomas.

A pesar disto, este caso fixo saltar a alarma social sobre se o consumo de lácteos é seguro, xa que o leite cru podería ser unha vía de transmisión do gando vacún ás persoas. Respecto disto, cabe sinalar que o consumo este tipo de leite é algo pouco habitual actualmente, xa que a maior parte dos consumidores compran aquela que pasou por procesos previos de pasteurización, tratamento que, lembremos, mata todas as bacterias patóxenas e reduce a actividade encimática.

En resposta a este debate, un artigo publicado pola BBC recollía que a Food and Drug Administration (FDA) descubrira trazas do virus nun de cada cinco produtos tras analizar en 297 lácteos comerciais, pero que, ao pasar por pasteurización, tratábase de fragmentos inactivos, sen risco para a saúde humana.

Pasteurización equivale a seguridade. Así o afirmou o investigador do Western Institute of Food Safety and Security da Universidade de California-Davis Michel Payne, quen lembrou á BBC que "a ciencia e a tecnoloxía da pasteurización mantiveron ás persoas seguras desde a década de 1860". Isto garante que o consumo de leite UHT é seguro, non só para a gripe aviaria, senón tamén para outros como o E.coli ou a Listeria.