A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), un dos eventos máis representativos do sector produtor galego, vén de ser recoñecida co primeiro premio na categoría de Proxectos relacionados co ámbito agrogandeiro durante a entrega dos XV Premios ao Desenvolvemento Rural, concedidos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia. A cerimonia tivo lugar esta mañá no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
A Moexmu, que se celebra en Muimenta, no municipio lugués de Cospeito, é unha das feiras decanas de Galicia. O evento combina tradición e innovación, converténdose nunha referencia anual para profesionais e público xeral interesados no sector agrogandeiro. A súa contribución á dinamización económica e social da comarca, así como ao fomento da cooperación e a visibilidade do medio rural, foron determinantes para o recoñecemento recibido nesta edición dos premios.
En referencia directa á Moexmu, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presente no acto, reiterou o compromiso da Xunta co aumento da competitividade das explotacións, ao tempo que se mellora o medio ambiente e o medio rural. Unha aposta que, subliñou, sosteñen os dous premiados na categoría agrogandeira, onde a Mostra Exposición de Muimenta compartiu espazo con Enflor Agroecoloxía, que foi finalista. Pola súa banda, a directora xeral da Agader, Paz Rodríguez, destacou que os proxectos premiados son unha mostra do “enxeño galego e da capacidade da nosa comunidade para adaptarse e prosperar”.