A Moexmu 2027 celebrarase do 2 ao 4 de abril

A Moexmu 2027 celebrarase do 2 ao 4 de abril

A 43.ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) celebrarase os días 2, 3 e 4 de abril de 2027 no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta (Cospeito, Lugo), retomando así a súa celebración durante a primeira fin de semana de abril. A comisión organizadora iniciou o pasado mes de xuño as reunións de traballo para preparar unha nova edición da cita.

O programa incluirá o XLI Concurso de Gando Frisón, a XXXI Poxa de Gando Selecto, o VI Concurso de Novos Preparadores, o XXVI Concurso de Novos Manexadores, a XLI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e o IX Monográfico de Can de Palleiro.

A comisión desta edición está presidida por Manuel Seijas Vázquez e está integrada por Carlos García, Julio Pacio e Jose Seoane, que xa iniciaron contactos con novos empresarios e empresarias da zona para ampliar o equipo organizador. José Manuel Rus continuará, pola súa parte, á fronte da xerencia e cumprirá a súa trixésima edición vinculado á organización da mostra.

A Moexmu de 2027 coincidirá ademais co 40.º aniversario do inicio do concurso e da exposición de gando, celebrados por primeira vez en 1987 nuns postos preparados polos veciños de Muimenta. En 1991 inaugurouse o actual recinto feiral Manuel Vila, que desde entón acolle as principais actividades da mostra.