A man de obra migrante, un dos motores que sosteñen o sector leiteiro

O Senegal, Colombia, Marrocos, A Arxentina, O Uruguai… a variedade de nacionalidades que reúnen as persoas que, dunha maneira ou doutra, se desenvolven dentro do sector leiteiro en España non fixo senón aumentar nos últimos anos. É inevitable e imprescindible: a falta de traballadores é un problema que vimos arrastrando desde hai tempo e, se non fose por eles, serían moitos os negocios que terían que pechar. Sobre as súas historias vitais e sobre a súa implicación no traballo falamos a continuación. Más en Vaca Pinta 54.

Hai tempo xa que os traballadores migrantes se constitúen coma unha peza esencial da engrenaxe que mantén vivo o sector leiteiro en diversos puntos do mapa e a nosa rexión non é unha excepción. Segundo os últimos datos do Observatorio Permanente da Inmigración, a produción agraria é un dos sectores con maior proporción de persoas migrantes entre os seus traballadores en España, xunto cos servizos do fogar e a hostalería. As razóns son múltiples, pero todas apuntan a unha mesma realidade: sen eles, moitas ganderías non poderían continuar.

Nun contexto de envellecemento demográfico, despoboamento rural e crecente falta de remuda xeracional, a chegada deste segmento de poboación non só garante a viabilidade de moitas granxas, senón que contribúe a revitalizar comarcas enteiras.

Fronte aos discursos de odio que se esforzan en facer ruído, hoxe queremos celebrar os múltiples e maioritarios xestos de comprensión e benvida que ofrecemos a quen chega ao noso país e, a través de varias historias persoais, achegámonos a traxectorias de migrantes que, con distintas cualificacións e desde diferentes orixes, atoparon no sector leiteiro novas oportunidades e devolveron con traballo, coñecemento e compromiso a acollida que lles foi brindada.

SAT PROLESA, UN CASO EXEMPLAR EN CANTO A XESTIÓN DE PERSOAL

A de SAT Prolesa é a historia dun modelo de produción cooperativa que soubo adaptarse ao paso do tempo. Creouse a comezos dos anos 2000 coma un proxecto colectivo impulsado por catorce gandeiros da zona de Sarria (Lugo). “A finais de 2006 conseguimos reunir todos os animais nas novas instalacións”, lembra Román González, veterinario e encargado da granxa. Hoxe quedan dez socios en activo, aínda que só dous traballan directamente na granxa e un terceiro está de baixa; o resto, xa xubilados, permanecen coma socios capitalistas.

A granxa desenvolve todo o ciclo produtivo, desde xatas ata animais adultos. Actualmente manexan unhas 600 vacas, 550 delas en muxido; ao redor de 300 xovencas e entre 20 e 30 animais de cruzamento. A actividade diaria organízase en dúas quendas, con tres muxidos ao día nunha sala rotativa de 40 puntos que require un equipo mínimo de tres persoas por muxido.


“Os nosos traballadores non reciben ningún tipo de axuda. É máis, quen acudiu a nós chegou dicindo: ‘Necesito traballar’”

 

ORGANIZACIÓN DAS TAREFAS

En total, Prolesa conta con trece traballadores: once operarios de granxa e dous técnicos. A organización das quendas busca combinar eficiencia e benestar laboral. O equipo divídese en dous bloques: o da mañá desempéñase durante cinco días á semana, mentres que o da tarde concentra as súas 40 horas en só catro días. As rotacións permiten que, de media, cada traballador teña libre unha fin de semana de cada dúas, agás quen pacta outros arranxos. “Hai quen prefire traballar as fins de semana e descansar entre semana”, explica Román. A flexibilidade é parte do acordo informal que promoven: “A clave está en adaptarse mutuamente: a granxa ao traballador, e o traballador á granxa”.

Cando Román se incorporou a Prolesa en 2008, a maioría dos que estaban na granxa eran socios. “Non facía falta case coordinar nada. Quen vai estar máis interesado en que isto funcione que o propio dono?”, lembra. Co tempo, o cadro de persoal ampliouse e chegou xente externa. Ese cambio obrigou a crear unha figura de coordinación, tarefa que hoxe asume Román por completo. A xestión de persoal converteuse nunha responsabilidade central, sobre todo ante a crecente rotación e a dificultade para reter perfís estables. “Non todo o mundo que entra se adapta. Hai xente que queda durante anos, e outros non pasan do primeiro mes”. A medida que medra o tamaño da granxa, tamén o fai a necesidade dunha estrutura clara, capaz de organizar tarefas, motivar equipos e harmonizar os intereses persoais coas esixencias do traballo diario.

CONFLUENCIA DE NACIONALIDADES E CULTURAS

En Prolesa conviven persoas de procedencias moi distintas: Ghana, O Senegal, Marrocos, Colombia, Cuba, Perú, Alxeria... e tamén de distintos puntos de España, como Galicia ou Madrid. “Isto é coma a ONU”, comenta entre bromas Román. Actualmente, oito dos trece traballadores da granxa son migrantes. Pero máis alá dos pasaportes, o que define o ambiente é a actitude. “Nunca tivemos grandes problemas de convivencia. Hai xente que se leva mellor e xente que se leva peor, pero non ten que ver con nacionalidades, isto tamén nos ocorre entre os que nacemos aquí”.

A diversidade non só foi asumida, senón que acabou modelando o funcionamento da propia granxa. Algunhas adaptacións foron necesarias desde o principio: “Lembro o primeiro ramadán. Era xullo e pensei que sería mellor que un dos rapaces que o estaba facendo non traballase pola tarde, pola súa saúde, así que tratamos de adaptarnos”. Co tempo, este tipo de axustes fóronse integrando como parte da rutina.

Independentemente da procedencia, para Román a clave é entender que todos teñen unha vida máis aló do traballo: “Hai xente que quere pasar tempo co seu fillo, outros que precisan adestrar co seu equipo... Se non coidas iso, por moi ben que pagues, non quedan”. A convivencia, insiste, constrúese desde a empatía. “Eu non teño inmigrantes traballando. Teño compañeiros cos que me implico a nivel persoal, como facemos a maioría dos que contamos con traballadores”.

PROCESO DE CONTRATACIÓN E LABOR FORMATIVO

A maneira en que Prolesa capta novos empregados foi evolucionando co tempo. Hoxe a principal canle é o boca a boca. “A maioría chegan recomendados por alguén que xa está connosco”, explica Román. Así foi como entraron moitos: a través de amizades, do equipo de fútbol local ou de familias que acollen a mozos migrantes recentemente chegados.  O espazo social actúa como rede de integración laboral, especialmente nunha comarca onde as opcións son limitadas e a man de obra cualificada escasea.

Para o persoal técnico, coma veterinarios, o proceso é máis formal, pero para os operarios de granxa, a clave é atopar persoas con ganas de traballar e capacidade para adaptarse e, falando do discurso habitual que os vincula a subvencións e “paguiñas”, conta González que, no caso desta granxa, “ningún nos chegou con ningún tipo de axuda. É máis, quen acudiu a nós chegou dicindo: ‘Necesito traballar’”.

Prolesa non conta cun plan de formación regrado, pero si cunha estrutura de aprendizaxe práctica que funciona como unha especie de transmisión oral do oficio. Os novos comezan sempre polo muxido, que é a tarefa esencial e a que máis mans require. “De aí pasan á recría e despois xa van asumindo outras tarefas”, explica Román. Iso si: todos, sen excepción, deben aprender os tres postos da sala.

Esta primeira etapa formativa é esencial, xa que, na maioría dos casos, quen comeza non trae nocións previas. Na práctica, a aprendizaxe dáse no posto, xunto a compañeiros con máis experiencia. “Temos perfís coma Anselmo, un dos socios, que leva moitos anos e forma os novos sen problema. Se o fan coma el, sabemos que o están facendo ben”. A formación técnica, como protocolos sanitarios ou axustes na alimentación, lidéraa Román. “O máis difícil de ensinar é o ollo clínico. Ver que unha vaca non está ben, que un xato vai enfermar… Iso non se aprende nunha semana. Hai xente que nunca o desenvolve”, admite.


“Non teño inmigrantes traballando. Teño compañeiros cos que me implico a nivel persoal, como facemos a maioría dos que contamos con traballadores”

No criminalicemos. Esto no va de nacionalidades. Va de personas que trabajan y que merecen respeto”

Román González, veterinario e encargado de SAT Prolesa

 

RETOS E BARREIRAS

O idioma é, en moitos casos, o maior factor que condiciona a aprendizaxe. “Hai dous ou tres rapaces aos que lles custa moito ler e ás veces non che entenden ben cando lles falas". Este tipo de situacións xeran riscos laborais e operativos, especialmente cando se trata de protocolos sanitarios ou de manexo de animais. “Iso é perigoso. A o mellor ocorre que non se atreven a preguntarche as dúbidas, entón tes que estar atento".

Román lembra con admiración os casos dos que aprenderon castelán sen pasar por unha academia, só con esforzo e vontade, e destaca a capacidade de adaptación da maioría: “Hai xente que chegou sen saber nada e agora entende perfectamente. Iso ten moito mérito”.

Máis alá da formación ou da motivación, hai obstáculos que escapan á vontade dos traballadores e da propia granxa. Un dos principais é o acceso á vivenda. En Sarria, a presión do turismo encareceu e reduciu a oferta dispoñible. “No verán é case imposible alugar algo. Ás veces están en pisos turísticos durante o inverno, pero cando chega xuño teñen que buscar outra cousa”, sinala Román.

En Prolesa non proporcionan aloxamento, pero si axudan aos traballadores no proceso: acoden con eles a inmobiliarias, explícanlles como presentar un contrato e, en casos puntuais, interveñen cos bancos. “Un dos rapaces que temos con nós decidiu que quería mercar e acompañámolo para darlle apoio e si houbo o caso dun banco que foi reticente a concederlla por ser estranxeiro; pero vaia, que formalizou a  hipoteca con outra entidade e xa leva tres anos pagándoa”, explica.

O transporte é outra dificultade, sobre todo para quen non ten carné. Neses casos, adoitan organizarse entre compañeiros. “O que ten coche sobe ao que non o ten. Nunca houbo problema con iso e, ademais, a medida que se estabilizan, moitos empezan a preocuparse por sacar o permiso de conducir”.

A todo isto, súmanse os trámites legais. “Tivemos varios casos de xente que chegou sen papeis. Ata que non pasan tres anos, non poden regularizar a súa situación. E logo hai que presentar precontratos, esperar a resposta de Estranxeiría... Podes tardar tres meses en poder dar de alta a unha persoa”. A colaboración institucional, di Román, é practicamente inexistente. “Na nosa experiencia, nin as ONG nin a Administración fan moito. A xente que chega faino soa. E se atopa traballo, é porque alguén, coma nós, decide darlles unha oportunidade”.

En Prolesa, como en moitas outras granxas, a contratación de traballadores migrantes enfróntase a un marco legal que adoita chegar tarde respecto das necesidades reais. “Pasounos varias veces: tes unha persoa con moitas ganas de traballar, pero non ten papeis. Que fas? Dáslle as costas ou buscas como axudarlle a regularizarse?”, pregúntase Román. A resposta no seu caso foi sempre tentar acompañalos nese proceso.

XESTIÓN MULTICULTURAL

Román aposta por un liderado baseado no respecto e no exemplo: “A xente ten que respectarte, non temerte. O látego ao mellor funciona a curto prazo, pero co tempo só xera rexeitamento”.

Ese equilibrio entre autoridade e proximidade non sempre é doado. “Tes que esixir, pero tamén precisas que a xente estea a gusto. Se ti dás cando che piden, cando ti pides, normalmente devólvencho”. Para el, esa é a clave do compromiso mutuo. Comprobouno hai pouco, cando o equipo decidiu quedar ata que rematase unha quenda de podoloxía que, debido ás altas temperaturas da tarde, se alongou ata as tres da madrugada. “Simplemente quedaron porque lles pareceu o correcto. Iso só pasa se hai unha relación de confianza. Intentamos manter un ambiente de respecto e compañeirismo”.

Para Román, o debate sobre o emprego estranxeiro non admite equívocos: “Prescindir de oito millóns de traballadores migrantes en España é imposible. Este país colapsaría”. Fala desde a experiencia de alguén que convive a diario con eles e que viu de preto a súa implicación, o seu esforzo e a súa capacidade de adaptación. “A maioría vén traballar, non a outra cousa. O que vén delinquir non o fai en caiuco, precisamente”.

Máis alá do laboral, a súa visión ten un factor ético claro. “É inmoral negarlles o acceso ao traballo. Moitos dos que hoxe critican a inmigración, se escarvas un pouco, teñen avós ou pais que foron emigrantes”. Remarca que el non ve estranxeiros no seu equipo, senón compañeiros: “Son persoas. Coñecen os meus fillos, compartimos tempo. Hai unha relación de confianza. Non hai diferenzas”.

Román non idealiza a situación: recoñece as dificultades, os choques culturais e os límites do sistema, pero ten claro que, sen ese equipo diverso e multicultural, Prolesa non podería seguir funcionando. “Quen faría este traballo se non? Os españois con carreira? Moitos prefiren outras cousas. E está ben, pero entón nin debemos nin podemos permitirnos prescindir destas persoas”. 


Arona Sané

 

FÚTBOL NA SD SARRIANA E PRODUCIÓN LEITEIRA EN PROLESA

Arona Sané chegou a España con 14 anos, desde O Senegal, para xogar ao fútbol. Foi o Atlético de Madrid quen o descubriu nun campus no seu país natal. Pasou dez anos na canteira do club vermello e branco, onde se formou como futbolista e como persoa. “Crecín en Madrid. Cheguei sendo un neno e alí fíxenme adulto. Foi unha das mellores experiencias da miña vida”.

A súa traxectoria deportiva levouno despois ao Deportivo Alavés, a unha cesión en Croacia e a clubs de fútbol semiprofesional como o UP Langreo, o Alondras CF de Cangas ou o Viveiro CF. Foi precisamente desde este último que deu o salto á SD Sarriana, nun momento clave para o equipo: “Vin cando quedaba un mes para rematar a tempada, estaban primeiros e querían ascender. Boteilles unha man e ao final quedei”. Dous anos despois, Sarria converteuse na súa casa.

Pero a súa vida en Galicia non se constrúe só no campo de fútbol. Arona traballa cada mañá en SAT Prolesa e, aínda que non manexase animais con anterioridade, asegura que a adaptación foi boa. “Ao principio custa, pero cando aprendes a moverte e entendes como vai, faise máis doado”.

“El dime que deixaría antes o fútbol que o seu posto aquí. Cando chegou a Sarria, el mesmo foi o que dixo que precisaba outro traballo, ademais do fútbol, e contactou con nós a través do presidente da Sarriana”, apunta Román.


“Aquí estou moi ben. Non o digo por fachenda, pero a min quérenme moito, e tamén eu quero moito ao pobo sarriao”

FACENDO EQUIPO DENTRO E FÓRA DO CAMPO

A súa é unha xornada intensa, que comeza ás seis da mañá e, aínda que o contraste entre a vida de xogador e a rutina na granxa podería parecer abrupto, Arona soubo atopar o equilibrio. “É verdade que desgasta. Saes de traballar e ás veces tes que ir correndo adestrar sen apenas ter comido. Pero afaste”. O esforzo faise máis levadío co apoio do equipo humano do que se rodea. “Aquí os compañeiros axudan moito. Convivimos cada día, compartimos moitas cousas. Ao final, algúns convértense en amigos”.

Na granxa descubriu tamén habilidades inesperadas, como poñerlle inxeccións ao gando. “Iso nunca pensei que o aprendería. Pero aquí, estando con Román, con Anselmo, con Luis, vas aprendendo. Pouco a pouco atréveste e falo. É do que máis me sorprendeu das cousas que fago aquí”. Tamén destaca que, ao empezar, chamoulle moito a atención o aspecto e a capacidade produtiva destes animais: “Nunca vira vacas así e non sabía que daban tantos litros de leite, iso foi o máis sorprendente ao principio”.

Para el, o traballo en Prolesa e o fútbol son agora os seus dous piares. “A miña vida é isto: traballar aquí e xogar na Sarriana. Ata onde chegue”.

“Loitou moito”, afirma Román. “Tiña o seu fillo no Senegal, foi coñecelo cando naceu e agora por fin conseguiu traelos a el e á súa muller legalmente. É un rapaz moi traballador e teño que dicir que, igual que os seus compañeiros do fútbol din que é un fenómeno facendo vestiario, aquí tamén é un fenómeno facendo equipo. Lévase ben con todo o mundo, xera bo ambiente, e cando veñen mal dadas sempre está cun sorriso, animando”, valora o encargado de Prolesa.

A decisión de asentarse coa súa familia en Sarria foi natural: “Aquí estou moi ben. Non o digo por fachenda, pero a min quérenme moito, e tamén eu quero moito ao pobo sarriao”. Aínda que a súa carreira deportiva non alcanzou as cimas que soñaba de neno, Arona móstrase satisfeito co camiño percorrido. “Non cheguei onde quería, pero estou contento. Fixen o que tiña que facer e iso déixame tranquilo. Dei moitas voltas, pero estou feliz co que logrei e con onde estou”.

Despois de máis dunha década en España, móvese con naturalidade entre distintas culturas. “Ao final, cada un ten o seu carácter, pero convivindo cada día afaste aos defectos do outro, cólleslle cariño. E iso facilita todo”.

Non viviu episodios de discriminación directa, nin sequera nos campos de fútbol, aínda que é consciente de que o rexeitamento ás veces flota no aire. “Nunca me atopei con algo así, pero se alguén me dixese que sente que outros veñen quitarlle algo, diríalle que non creo que as cousas funcionen dese xeito. Cada un, se fai o que ten que facer, terá o que lle corresponde”.


El Moulodi El Ghabra

 

BOTAR RAÍCES EN SARRIA

El Moulodi El Ghabra vive en Sarria desde 2006. Veu desde Marrocos cun contrato de traballo e empezou desempeñándose na construción. En 2018, cando xa levaba máis dunha década asentado, fixo un curso de xardinería e roza nunha entidade local. Alí unha das responsables faloulle de SAT Prolesa. Así chegou á granxa, sen experiencia previa con animais, e conta que superou os primeiros días con paciencia e ganas: “O principio é duro, si, pero despois vas collendo o ritmo”, resume. Hoxe está plenamente integrado no traballo, destaca que se leva ben con todos os compañeiros e valora especialmente o ambiente laboral: “Eu estou moi contento, non temos ningún problema cos xefes nin con ninguén. E cando necesitamos calquera cousa, Román sempre trata de axudar”.

“Moulodi leva xa máis de oito anos aquí”, calcula González. “Contactou directamente con nós e tan pronto como houbo posibilidade incorporámolo. Creo que se adaptou moi ben”.

Tamén a súa vida persoal se asentou nesta vila. “Ten á súa familia en Sarria, están completamente integrados, son tan sarriaos coma calquera, vaia”, resume Román.

“Gústanos vivir aquí. A miña vida mellorou nestes anos, sen dúbida: formei unha familia, teño nenos e un traballo fixo”. Séntese ben recibido pola comunidade local e nunca percibiu rexeitamento pola súa orixe. “Levo desde 2007 aquí en Sarria e todo vai ben. Saúdame a xente, o normal, non? A nosa vida está aquí”.


Adama Diop

UN TALENTO INESPERADO DEL BASKET

A historia de Adama Diop é distinta. De orixe senegalesa, chegou a Canarias despois de cruzar o océano nun caiuco en 2023 con apenas 20 anos. Despois foi trasladado polas autoridades a distintos centros de acollida, primeiro en Tenerife, despois en Madrid e finalmente en Santiago. Alí viviu brevemente nun centro para mozos migrantes, ata que o expulsaron e quedou á súa sorte. Foi un adestrador de baloncesto o que lle botou unha man. “El foi o que me presentou a Manolo e a súa muller, que me acolleron durante un mes en Vedra. Dábanmo todo: comida, vivenda, axudáronme a buscar traballo... de todo”, lembra Adama.

Entre medias, empezou a desenvolver o seu talento para o baloncesto. Empezara a xogar nos patios do centro de acollida. Un día, un dos responsables presentoulle a Adrián, un adestrador local. Así comezou a adestrar co ADB Fontiñas de Santiago. Máis tarde, Adrián axudouno a trasladarse a Sarria e a incorporarse ao CB Sarria. A súa chegada á granxa veu a través dun contacto familiar: “Manolo é amigo do pai de Román. Faloulles de min e grazas a iso estou traballando aquí”.

"Actualmente atópase en proceso de regularización, aínda está xestionando a súa solicitude de asilo e os trámites relacionados", conta Román, quen explica que ten un carácter bastante tímido, aínda que "no ámbito laboral o seu desempeño é excelente: nunca ten inconvenientes coas quendas, adáptase sen problema a traballar de mañá, de tarde ou cando sexa necesario".

A súa vida no Senegal era difícil, explica. Era o maior de varios irmáns e sentía a obriga de axudar á súa familia, pero non atopaba a forma. “Veño para traballar, de verdade”, repite Adama varias veces. E faino. Aínda que o traballo coas vacas era completamente novo para el, o seu compañeiro Arona Sané axudoulle cos primeiros pasos: “Falamos o mesmo idioma, así que foi máis sinxelo que me explicase as cousas”. A súa xornada inclúe muxido, alimentación de xatas, tarefas de limpeza e asistencia xeral. Di que lle gustan especialmente os animais máis pequenos: “Prefiro as xatas, darlles o leite e coidalas”.

Adama vive só nunha casa compartida e estase a acostumar á rutina. En tanto non se retoman os adestramentos, aproveita o verán para seguir practicando e soña con “medrar e seguir xogando ao baloncesto e traballando para axudar a miña familia”. Comezou a estudar español e, aínda que bota de menos o seu fogar, está convencido de que tomou a decisión correcta. “Nós só vimos para traballar e para axudar a xente que o precisa. Non estamos aquí para quitar nada. O mundo é de todos. Todos somos humanos”.

Edwin Vega

 

EMIGRACIÓN CON TODA A FAMILIA

Edwin Vega, colombiano, chegou hai case seis anos. Fíxoo “a aventurear”, como el di, e decidiu quedar. Ao principio traballou na madeira, como motoserrista. Hai poucos meses entrou en SAT Prolesa, recomendado por un amigo que tamén está na granxa, tal e como explica o encargado. As súas tarefas principais son muxir, coidar dos animais novos e manter as camas limpas. Non era o seu primeiro contacto co sector: cando acababa de chegar a España, colaborou nunha granxa como axudante de limpeza.

A adaptación ao principio foi difícil, sobre todo polo idioma. “O galego complicábaseme ao principio”. Hoxe xa se desenvolve mellor e valora tanto o traballo coma o ambiente. “Estamos a gusto cos xefes. Xa nos adaptamos”. Vive en Sarria coa súa esposa e cos seus dous fillos e conta que, evidentemente, tomar a decisión de emigrar foi difícil: “Pechar unha vida, cruzar o Atlántico e empezar de cero foi complicado, pero agora estamos mellor”.

A súa motivación principal foi dobre: por unha banda, buscaba mellores oportunidades laborais. Por outra, víase obrigado a desprazarse pola inseguridade: “Había moita delincuencia, especialmente na zona na que viviamos. Por medo a que lle pasase algo á familia, tocou saír”. Comparando ambas as experiencias, di que o traballo en Colombia era máis pesado, máis longo e con peores condicións.

Edwin rexeita tamén os estigmas sobre os traballadores migrantes: “Como dicimos en Colombia, ‘por un pagamos todos’, pero non somos todos iguais. Vimos persoas de ben que queremos saír adiante e loitar polos nosos soños”.

MUXINDO O FUTURO: UN PROXECTO FORMATIVO CON BASE SOCIAL

Cinco mozos de Mali e do Senegal son os primeiros participantes do programa “Muxindo o Futuro”, unha iniciativa impulsada por Naturleite en colaboración coa Cruz Vermella para formar persoas migrantes en tarefas propias das ganderías de vacún de leite. O obxectivo é dobre: responder á falta de man de obra especializada no campo galego e facilitar a integración laboral e social de quen busca un futuro mellor en Galicia.

Durante catro semanas, os participantes reciben formación teórica sobre o manexo do gando, o funcionamento das explotacións leiteiras e os procesos produtivos. Pero a clave está na práctica, motivo polo que se integran en granxas provedoras de Naturleite, onde colaboran no muxido, na alimentación do rabaño e no coidado diario dos animais.

A experiencia é positiva tanto para os alumnos como para os gandeiros. “Aquí hai traballo e ganas de ensinar. Só falta que veña xente con interese por aprender”, sinalan os produtores participantes.

María Jesús Peteira, directora xeral de Naturleite, subliña que "Muxindo o Futuro" forma parte do compromiso social da empresa: “Esta iniciativa reflicte a nosa aposta polo desenvolvemento sostible do territorio”. Pola súa banda, desde Cruz Vermella insisten en que o modelo funciona: “Creamos oportunidades reais nun sector con alta demanda e iso beneficia a todos”.


Josefina Riestra

 

PAIXÓN POLAS VACAS DA ARXENTINA PARA O MUNDO

O caso de Josefina Riestra é radicalmente oposto. Egresada da Facultade de Ciencias Veterinarias de Esperanza (A Arxentina), cruzou o charco cun contrato laboral ligado directamente á súa formación académica. Actualmente ofrece asesoramento técnico e comercial para ABS en Galicia e, con anterioridade, traballou para DeLaval en Andalucía.

“España é fermosa. A calidade de vida que un ten aquí é incrible”, afirma. Non se arrepinte, pero recoñece que o camiño non sempre foi sinxelo. “O que máis me custa é adaptarme á xente ao chegar a un lugar novo. Eles xa teñen a súa vida, as súas rutinas. Un entra como de fóra. Pero non me podo queixar: tanto en Andalucía como en Galicia atopei grupos que me fixeron sentir parte. O outro día, estiven de visita no sur e volveron xuntarse para facer un asado só porque eu estaba por alí. Para min foi emocionante”.

Aínda así, a morriña, conta, pésalle. Josefina viaxa soa e deixa na Arxentina a toda a súa familia, incluídos tres sobriños pequenos. “Cando che din: ‘Tía, cando vés?’, é difícil”.


“Marchar é moi difícil. Se un marcha, é porque ten ganas de facer. Se deixas todo, a túa familia, a túa vida, é porque buscas algo mellor”

UNHA IDIOSINCRASIA SEMELLANTE

A súa chegada a España foi máis sinxela grazas á cidadanía italiana. “Hai moitos arxentinos con cidadanía italiana ou española. Iso facilita todo o tema dos papeis”, explica. Ademais, recoñece que culturalmente os costumes non son tan diferentes: “Non é un cambio tan grande como cando estiven en Nova Zelandia, onde a diferenza era enorme. Alá vivín cunha parella: ela, ecuatoriana; el, neozelandés. E mentres nós as dúas ceabamos, el tocaba a guitarra noutra habitación. Para min, o domingo é en familia. Eles son máis pechados. Niso, españois e arxentinos somos parecidos: gústanos compartir”.

En Galicia, o idioma foi outro desafío, aínda que o tomou con humor. “Non falo galego, pero despois de seis meses acostúmaste. Moitas palabras son parecidas. Eles fálanme en galego, eu respóndolles en castelán. Ás veces os meus compañeiros comezan en castelán e rematan en galego sen decatarse. Xa nin noto a diferenza. Mentres nos entendamos, non hai problema”.

No seu día a día en granxas, observa a multiculturalidade no traballo. “Hai moita xente estranxeira e, ás veces, prodúcense choques culturais: o que para un é normal, para outro non. Creo que é parte da rutina no campo hoxe en día”.

Falando dos desafíos en canto á xestión de persoal, Josefina non xulga, pero sinala que si comprende os gandeiros cando falan de problemas de responsabilidade. “Dinme: ‘Hoxe non vén o empregado e avisoume esta mañá’. Imaxinádevos organizarvos así. Por iso entendo que moitos opten pola robotización: o robot non falla. Pero tamén creo que non se pode xeneralizar. Non depende do país: depende da persoa”.

A MOTIVACIÓN TRAS A DECISIÓN DE EMIGRAR

A súa reflexión sobre a migración vai máis aló. “Marchar é moi difícil. Se un marcha, é porque ten ganas de facer. Se non, quedas na túa casa. Entón, se deixas todo —a túa familia, a túa vida—, é porque buscas algo mellor. E iso non sempre é doado. Hai días fermosos, si, pero hai outros que non o son tanto. Eu son fanática das vacas, esa é a miña paixón. Mentres haxa vacas, estou feliz, pero non vos vou mentir: hai momentos nos que me pregunto se paga a pena”.

O contexto arxentino tamén empurra. “Vivimos anos difíciles. Agora parece que hai un cambio, xa veremos. Eu marchei hai un ano e medio. Aínda vexo que se vai máis xente da que entra. Moitos fan pasantías porque A Arxentina é fermosa, pero para vivir e traballar é complicado. Só hai que ver os grupos en redes: ‘Arxentinos en España’, ‘Arxentinos en Galicia’. A miña irmá está en Alemaña e cóntame que hai festas arxentinas alá. É un fenómeno. E moitos son profesionais que queren aprender, facer experiencia e ver que pasa despois”.

Josefina tamén fala da burocracia, un dos grandes muros para quen busca oportunidades en Europa. “Primeiro, os papeis. Despois, atopar a alguén que confíe en ti e che faga un contrato. Porque é máis doado contratar a un europeo. Coñezo moita xente que quere vir e pasa meses buscando documentación. Pero sigo pensando: se hai que ten ganas de traballar e aquí falta man de obra, por que non facilitalo?”.

A súa experiencia na Arxentina coa chegada de venezolanos reforza a súa idea: “Viñan por necesidade, pero con moitas ganas. Agradecían o traballo e facíano ben, con responsabilidade. O normal é preferir iso antes que alguén que non quere traballar. Para min, non depende de onde sexas, senón das ganas que teñas”.


Alejandro Acosta

 

DESDE O URUGUAI PARA FORMARSE EN NUTRICIÓN ANIMAL

Alejandro Acosta é outro caso de profesionais formados que chegan para reforzar o sector leiteiro español. Ten 27 anos, é uruguaio e veu cun propósito claro: especializarse en nutrición animal e atopar un lugar onde desenvolver a súa carreira profesional. Hoxe traballa coma nutrólogo na cooperativa CLUN, na provincia de Lugo, e asegura que atopou a estabilidade e as condicións que buscaba para seguir medrando.

Formado como enxeñeiro agrónomo na Universidade da República, en Salto, a súa cidade natal, Alejandro chegou hai case dous anos para cursar un máster en nutrición animal impartido polo CIHEAM Zaragoza e a Facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza. “España destaca en nutrición animal e este máster ofrecía un enfoque moi completo, con docentes de Europa e América, e unha parte práctica con visitas a granxas e traballo técnico de campo”, explica. Ademais do interese académico, o idioma compartido e a posibilidade de establecerse nun país con oportunidades no sector tamén pesaron na decisión.

Nos últimos meses, a vocación por traballar con ruminantes levouno a Galicia. “Vin unha oferta na que se buscaba un nutrólogo e contactei con eles nunha feira en Muimenta. Entrevistáronme e pareceume moi interesante o traballo e a cooperativa en si”, lembra. En apenas tres meses instalouse en Ribadeo e comezou unha etapa que considera decisiva para o seu futuro.


“Comezar sen coñecer a ninguén nin a zona déixate un pouco en desvantaxe, así que intento preguntar moito, falar con todos, absorber información. Non é por cuestionar, é por entender”

TRABALLO ESTABLE EN CLUN

O seu día a día como nutrólogo combina traballo de campo e oficina. Polas mañás coordínase cos seus compañeiros para planificar as visitas ás granxas. “Falamos co produtor, escoitamos as súas necesidades, vemos os animais, sacamos mostras de ensilados ou do unifeed… Esa información logo analízase na cooperativa e con ela fanse formulacións ou danse recomendacións”, detalla. A relación directa cos gandeiros é unha parte fundamental do seu traballo e recoñece que atopou un ambiente moi receptivo. “A xente é moi aberta. En xeral, o diálogo é moi bo e creo que iso tamén é mérito da propia cooperativa, que se preocupa por formar ben o seu equipo e xerar confianza”.

Aínda que esta é a súa primeira experiencia laboral formal en España, xa traballara durante o máster en proxectos de investigación na universidade. No Uruguai acumulaba experiencia en produción e nutrición, aínda que vinculada a vacas de carne en sistemas extensivos, moi distintos aos galegos. “Nunca traballara en vacas de leite. É un desafío, pero tamén unha oportunidade de aprender”.

A integración nun novo entorno non sempre é sinxela, recoñece. “Comezar sen coñecer a ninguén nin a zona déixate un pouco en desvantaxe, así que intento preguntar moito, falar con todos, absorber información. Non é por cuestionar, é por entender”. Con esa actitude aberta, Alejandro atopou o seu sitio na cooperativa e na comunidade.

Tamén reflexiona sobre os prexuízos que, ás veces, acompañan as persoas migrantes no mercado laboral. “Cando alguén ten ganas de traballar, demóstrao, sexa de onde sexa. Eu creo que hai lugar para todos. E, ademais, unha sociedade non se pode pechar. En moitos países a emigración foi clave na súa historia. No meu tamén: O Uruguai formouse en boa parte con xente de fóra”. Por iso considera que a inmigración pode enriquecer as comunidades de acollida.

No seu caso particular, non atopou barreiras administrativas. Posúe a dobre cidadanía uruguaia e italiana, o que lle permite traballar en igualdade de condicións que calquera europeo. Pero é consciente de que non todos teñen esa vantaxe. “Coñezo xente que tivo dificultades. O meu consello sería buscar unha empresa seria, que valore o traballo e ofreza un contrato estable, para poder tramitar a residencia”.

Alejandro non foi o único estudante estranxeiro no máster. “Moitos dos meus compañeiros tamén o eran. Iso tamén reflicte a necesidade de persoal cualificado. Se hai traballos sen cubrir, se os produtores buscan xente e non a atopan, é porque falta man de obra. E non só altamente capacitada, tamén con media ou baixa cualificación”.

Por agora, séntese satisfeito, tanto polo sitio coma polas posibilidades de desenvolvemento. “É un traballo fixo, nun ambiente de confianza, con percorrido por diante. Para min, iso é clave”.