A xornada DigiPurin mostrou en Lugo os últimos avances na xestión dixital dos xurros

A Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea (Lugo), acolleu o pasado 30 de outubro a xornada DigiPurin, un encontro técnico centrado nas últimas innovacións para a aplicación e xestión dixital do xurro. A cita, organizada polo grupo BioModem da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Centro de Competencias Dixitais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, reuniu a técnicos, gandeiros e empresas do sector agrogandeiro interesados en avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sustentable dos nutrientes nas explotacións.

O programa combinou demostracións de campo e sesións prácticas sobre ferramentas de dixitalización e control técnico. Entre os contidos abordados destacaron os sistemas de aplicación de xurro con baixas emisións, a medición de nutrientes mediante sensores —como a tecnoloxía NIRS ou a condutividade eléctrica— e o uso de software de rexistro e trazabilidade para documentar todo o proceso de fertilización.

Durante a xornada, os asistentes puideron observar diferentes equipos de aplicación, desde sistemas de prato de choque ata barras con tubos colgantes ou reixas de enterrado, e comprobar como as ferramentas dixitais permiten axustar o uso do xurro en función da súa composición e das necesidades específicas do cultivo.

A iniciativa enmarcouse na rede de demostradores do Centro de Competencias Dixitais, que promove a adopción de tecnoloxías dixitais no sector agrario mediante experiencias prácticas en distintos puntos de España. O seu propósito é mellorar a eficiencia dos recursos e reducir o impacto ambiental, en liña coas políticas europeas de sustentabilidade agraria.