A doutoranda do Departamento de Patoloxía Animal, da Facultade de Veterinaria (Campus Terra, Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elena Niceas Martínez Díez, recibiu o XI Premio Vetia Natural Solutions (Mariano Ilerra Martín), outorgado pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España.
O galardón, dotado con 3.500 €, foille concedido polo seu traballo de investigación titulado: "Resposta endocrina e reprodutiva ao estrés térmico en vacún leiteiro de clima oceánico. Evidencias de campo e estratexias para a súa mitigación".
No acto de entrega, Elena Niceas estivo acompañada por profesores do seu Departamento, como Joaquín Hernández Bermúdez, Cristina Castillo Rodríguez e Rodrigo Muíño Otero. Esta profesional é tamén investigadora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).
Este traballo forma parte da súa tese doutoral e foi desenvolvido no marco do proxecto de investigación (2022 - PU017), "Estudo do cambio climático sobre a saúde, o benestar, a eficiencia reprodutiva e a calidade do leite nas explotacións lácteas da provincia de Lugo", cofinanciado con fondos do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.