Hoxe conmemórase o Día Internacional do Queixo e a Organización Interprofesional Láctea (Inlac) celébrao rendéndolles homenaxe a todos os profesionais que fan posible que o noso país se consolide como unha das grandes potencias queixeiras.
Segundo datos desta organización, a nosa produción anual supera as 450.000 toneladas. O queixo forma parte da cesta da compra do 89 % dos fogares do país e consómense 7,8 kg de media ao ano, lonxe aínda dos 17,3 da Unión Europea.
Outro dato importante, que pon de relevo a nosa riqueza neste ámbito, é que en España existen máis de 150 variedades de queixo e 28 figuras de calidade, das que 26 son DOP e dúas, IXP. Neste sentido, a Inlac traballa para achegarlle ao consumidor información sobre este grande abano no que elixir, á vez que se fomenta a súa internacionalización.
Entre as accións divulgativas que ten en marcha a interprofesional láctea está a elaboración do documental Un país de quesos, que lle permitirá ao espectador visualizar todo o que hai detrás do queixo. “Percorreremos España contando as distintas historias de gandeiros, industriais, mestres queixeiros, artesáns e afiadores. Xa gravamos o primeiro capítulo nos territorios de Asturias, León e Cantabria”, anticipou Nuria María Arribas, directora xerente da Inlac.