A InLac organiza un roadshow sostible para explicar os beneficios dos lácteos e o seu compromiso ambiental

A InLac organiza un roadshow sostible para explicar os beneficios dos lácteos e o seu compromiso ambiental

O roadshow dos lácteos realiza este ano un novo percorrido por once cidades no marco da iniciativa "Conta cos lácteos europeos" (2025-2028), impulsada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac), co apoio da Unión Europea.

Trátase dun autobús en circuíto itinerante por toda España, vinilado para a ocasión polo artista ilustrador Óscar Alonso, coñecido coma @72kilos nas redes sociais. Os materiais de divulgación empregados (como o carro da sostibilidade láctea, unha bolsa da compra sostible, imáns e adhesivos coleccionables) teñen mensaxes claras que animan o consumidor a apostar polos lácteos europeos.

O propio Óscar Alonso inaugurou este mércores, 6 de maio, en Bilbao a actividade, onde asinou algunhas das súas creacións. “Para min é unha honra ofrecer a miña arte para promover a alimentación saudable e, en concreto, apoiar un sector lácteo europeo moi comprometido co consumidor e co medio ambiente”, declarou.

No interior, os visitantes poden sentar nas bancadas fronte a unha pantalla para visualizar un vídeo infográfico que explica os valores sostibles de gandeiros e gandeiras, cooperativas e fabricantes, ligados ao medio ambiente e ao desenvolvemento rural. Os cidadáns poden seguir as redes sociais da campaña e incluso participar na “ruleta láctea da sorte”, un xogo que lles permite optar a diferentes premios directos.

O roadshow dos lácteos visitará tamén, este ano, Santander, Palencia, Oviedo, Santiago de Compostela, Vigo, Zamora, Ávila, Pamplona, Zaragoza e Barcelona.

O ano pasado, esta ruta xa recalou noutras cidades de España. "Concienciar o consumidor pasa por demostrar que a sostibilidade comeza no cotián: elixir lácteos de proximidade, minimizar o desperdicio e reutilizar son accións sinxelas cun impacto real”, subliñou o presidente de InLac, Javier Roza.

“O obxectivo é espertar conciencia sobre o papel activo que teñen os consumidores na sostibilidade. Accións cotiás coma elixir lácteos próximos, reducir o uso de plásticos ou apostar por formas de compra máis responsables poden marcar a diferenza”, destacou a directora xerente de InLac, Nuria Maria Arribas.