A Eilza convoca un curso presencial de tomador de mostras de leite o 16 de abril

A Eilza convoca un curso presencial de tomador de mostras de leite o 16 de abril

A Escola Internacional de Industrias Lácteas de Zamora (Eilza) abriu a convocatoria dunha nova edición do seu curso de Tomador de Mostras de Leite, con acreditación oficial, que se celebrará o 16 de abril de 2026 en modalidade presencial, en horario de 15:30 a 20:30 h, e con prácticas en laboratorio.

Con esta formación, a Eilza busca que o alumnado sexa capaz de coñecer o marco lexislativo de referencia e as verificacións obrigatorias na recollida e recepción do leite, realizar unha correcta recollida e toma de mostras na explotación, transportar adecuadamente as mostras ata centros de recollida, transformación e laboratorios, identificar leite cru que non reúne as condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e realizar as analíticas imprescindibles para determinar a calidade do leite.

O programa inclúe, entre outros, conceptos de calidade do leite cru, controis obrigatorios na explotación, material e procedemento de mostraxe, transporte de mostras, cisternas e equipos de recollida, así como o uso da base de datos Letra Q (módulo de Calidade e Trazabilidade). No apartado práctico traballarase con análise organoléptica de leite cru, detección de substancias inhibidoras e antibióticos, proba de estabilidade (proba do alcohol), medición do pH e determinación da acidez.

A formación está orientada a persoas que xa desenvolven a súa actividade no sector lácteo (por conta propia ou allea) e tamén a quen queira iniciarse profesionalmente neste ámbito.