Marta Miranda Castañón, profesora da área de Ciencias Clínicas Veterinarias, acaba de ser nomeada directora do Campus Terra da USC, o campus da Universidade de Santiago de Compostela centrado en transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da terra. A profesora Miranda destaca que “nesta nova etapa á fronte do Campus Terra gustaríame contribuír a consolidar e proxectar o traballo desenvolvido nos últimos anos, dando continuidade a un modelo de campus especializado que hoxe é unha referencia no ámbito agroalimentario, ambiental e da saúde global”.
Segundo a catedrática, o Campus Terra debe seguir avanzando “cara a unha maior especialización e liderado nos seus principais eixos: investigación, docencia e transferencia, potenciando especialmente a investigación interdisciplinaria, a captación de talento e proxectos competitivos, así como unha oferta docente innovadora e atractiva que contribúa tamén á captación de novo estudantado”.Ao mesmo tempo, engade, “considero fundamental reforzar a conexión co territorio e co tecido produtivo, favorecendo unha colaboración máis estreita coas empresas e entidades do sector”.
Para a profesora Miranda o Campus Terra ten “unha enorme capacidade para xerar coñecemento aplicado, innovación e capital humano altamente cualificado ao servizo dun sector primario estratéxico para Galicia”. “Gustaríame contribuir a impulsar un Campus dinámico, aberto e con maior proxección nacional e internacional, pero sempre mantendo unha forte vinculación co territorio e co desenvolvemento económico e social de Galicia”, conclúe.
Traxectoria
Marta Miranda (Aller, Asturias, 1971) é licenciada e doutora en Veterinaria pola USC e catedrática na área de Ciencias Clínicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria. Forma parte do grupo de investigación ‘IMedA: Investigación en Medicina Animal’ e é investigadora do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA).
Desenvolve unha ampla actividade docente, clínica e investigadora en clínica medica veterinaria, especializada en gando vacún. A súa investigación céntrase no metabolismo mineral e nas enfermidades metabólicas, con participación en numerosos proxectos e contratos, formación de investigadores, produción científica e dirección do Servizo de asesoramento e análise de minerais da USC. Conta ademais con estancias formativas en centros de referencia nacionais e internacionais. Ao longo da súa traxectoria na USC desempeñou diversos cargos de xestión e asumiu responsabilidades académicas e institucionais.