A Deputación da Coruña subvenciona a realización de probas xenómicas na provincia

A Deputación da Coruña acaba de conceder unha subvención a Africor Coruña para a realización de probas xenómicas aos mellores animais por ICO da provincia. Trátase dunha axuda que non cobre o 100 % dos custos, pero que si rebaixa considerablemente o custo que lle supón ao gandeiro a realización das probas.

O xenotipado dos animais permite aumentar a fiabilidade dos datos do animal con respecto aos índices de pedigree e tomar decisións nun período de tempo moito menor e con moita máis seguridade. Inclúe, ademais, a filiación dos animais cos seus proxenitores xenotipados, a determinación de xenes recesivos que puidesen dar lugar a malformacións, a determinación das proteínas lácteas (beta caseína, kappa casaeína...) que fixan o tipo de leite producido polo animal, máis dixerible ou mellor para a producción de queixos etc.

Estas probas afectaranlles a unhas 80 explotacións da provincia, posuidoras dos mellores animais por ICO, e realizaranse durante os meses de febreiro e marzo.