As comunidades da cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia) acordaron unha posición común sobre a reforma da PAC, centrada na defensa das súas peculiaridades, especialmente no que atinxe á orientación eminentemente gandeira do seu sistema produtivo, ao pequeno tamaño e ao carácter familiar da maior parte das súas explotacións, ao feito de que as unidades produtivas estean enclavadas en zonas de montaña ou con limitacións naturais, que condicionan a súa produtividade e limitan a súa rendibilidade, e aos retos aos que se están enfrontando, como son envellecemento e o despoboamento do medio rural.
Así o explicou hoxe en Oviedo o conselleiro do Medio Rural da Xunta, José González, quen participou xunto cos seus homólogos das outras tres autonomías nunha xornada de coordinación para reforzar esa postura conxunta.
As catro comunidades avogan así por unha PAC con suficiente orzamento e máis equitativa e xusta, que supere os desequilibrios entre territorios e que se oriente á produción de alimentos, aos profesionais do campo e a xerar emprego e actividade.
Ademais, José González sinalou que se defende tamén un tope máximo de axuda por explotación de 60.000 euros, precisamente para beneficiar ás pequenas explotacións e que as axudas directas se destinen aos agricultores xenuínos, é dicir, profesionais, sen excluír totalmente a aqueles que se dedican á actividade agraria de forma parcial.