Central de Frades entrega os premios do seu I Concurso de Debuxo “Debuxa a túa granxa”

Central de Frades entrega os premios do seu I Concurso de Debuxo “Debuxa a túa granxa”

Este sábado tivo lugar na tenda de Central de Frades en Abellá o acto de entrega dos premios do I Concurso de Debuxo “Debuxa a túa granxa”, unha iniciativa pensada para achegar o mundo rural e o día a día das ganderías á rapazada da comarca de Ordes e arredores a través da creatividade e da mirada infantil. O presidente da cooperativa, Jaime Carneiro Uzal, foi o encargado de entregar os premios ás tres nenas galardoadas. As tres gañadoras recibiron un lote de libros, un importe en metálico e o correspondente diploma. 

O certame estivo dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos e buscaba que expresasen como ven o rural e a vida nas granxas, empregando a técnica de debuxo que preferisen. Todos os nenos e nenas participantes serán recoñecidas cun diploma personalizado e cun pequeno agasallo que xa poden recoller na tenda da cooperativa en Ledoira, como mostra de agradecemento pola súa implicación e talento.