LAURA MOLINA, ASESORA EN RECRÍA EN RUSAMA GANDERÍA

“A agrupación temperá de xatas mellora o seu sistema inmunolóxico”

A especialista Laura Molina sustenta as súas respostas a partir de estudos de recría realizados en Valle dos Pedroches (Córdoba), coma o impulsado por Cuevas-Gómez e col., 2024a. Molina explica que existen indicios sobre os beneficios de agrupar as xatas nos primeiros días de vida; aínda que non elimina a diarrea, axuda a reducir a duración da enfermidade. Da man dos seus coñecementos internámonos nos avances en sanidade dos animais que serán o futuro das granxas. Máis en Vaca Pinta 57.

Cales son os principais aspectos que debemos ter en conta para unha correcta xestión da saúde na recría?

O segredo está en diagnosticar as distintas enfermidades o antes posible. É esencial descubrir a patoloxía subclínica antes de que chegue a ser clínica. Polo tanto, o aspecto principal consiste en traballar moito na prevención para, posteriormente, lograr unha mellor resposta aos tratamentos.

Cal é a mellor maneira de realizar esa prevención?

Mediante a observación visual e a través da tecnoloxía. É fundamental coñecer os indicadores de comportamento dos animais, xa que por natureza tratan de enmascarar os síntomas de dor. Ademais, se somos quen de empregar tamén ferramentas tecnolóxicas, convértese na combinación perfecta.

En que deben fixarse os gandeiros para detectar eses posibles síntomas compatibles coa dor dun animal?

Fundamentalmente, en catro indicadores: fisiolóxicos, produtivos, de comportamento e, dentro destes últimos, están as expresións faciais. A partir de aí, ao integrar todos estes parámetros, detectaremos a dor do animal e a súa intensidade.


“Como técnico podes ter moi boas ideas, pero, se o persoal da granxa non as leva a cabo, non che serven”

Que importancia ten a formación dos traballadores?

É a base do éxito da recría. Como técnico podes ter moi boas ideas, pero, se o persoal da granxa non as leva a cabo, non che serven para nada as melloras que queiras implantar. É básico formar os operarios.

Segundo a túa experiencia, realízase esta formación?

Nas granxas máis grandes si, xa que o maior número de animais case te obriga a iso. Nos negocios de tamaño medio estamos aínda nun punto intermedio, fáltanos alcanzar o punto final.

En que medida a integración de sistemas de monitorización pode mellorar o rendemento das ganderías?

Afórrase tempo e, o máis importante, obtense un diagnóstico precoz. Isto permítenos instaurar o tratamento máis axeitado e conseguir unha recuperación máis rápida.

En idades temperás, as patoloxías dixestivas, coma a diarrea, e respiratorias, coma a pneumonía, prevalecen. Que consecuencias provocan nas xatas?

Arrastran un grande impacto na produción, con incidencia na ganancia de peso media diaria e, máis tarde, no leite que producen na primeira lactación. No que respecta á reprodución, inflúe na idade á primeira inseminación, taxas de preñez e na idade da primeira xestación. O obxectivo de traballar en pneumonía e diarrea é ter unha vaca lonxeva e produtiva. Se non poñemos aí o foco, ese animal non vai resistir tanto tempo e mesmo poderiamos chegar a descartalo antes de parir por primeira vez.

A que te refires cando falas de infradiagnosticar ou sobrediagnosticar a diarrea?

A diarrea, ao longo do día, pode ter variabilidade de consistencia. Hai que ter claro que dispoñemos de diferentes puntuacións para avaliala: 1, 2 e 3. O 1 significa consistencia de feces normal, o 2 e o 3 recollen esa variabilidade en consistencia que nos indica que se trata dunha diarrea, e o 3 é o máis grave. En función destes niveis, estariamos sobrediagnosticando se cunha puntuación 2 decidimos que xa ten diarrea e tratamos. En cambio, outras veces non lle damos importancia a ese nivel e infradiagnosticamos. É unha patoloxía que necesita moita atención e debemos seguir formándonos en como diagnosticala.

Destacas que “cando existe esa enfermidade respiratoria, previamente existiu a diarrea”. Cal das dúas presenta maiores consecuencias?

Segundo os estudos nos que o meu equipo traballa, o impacto está máis documentado na síndrome respiratoria. O 58,1 % dos animais que o presentan previamente tiveron diarrea, co que deberiamos focalizar máis esforzos na diarrea, que é onde máis escasean os estudos. Non significa que teña menores consecuencias, senón que dispoñemos de menos informes que amparen os datos.

Cales son os factores de risco máis importantes para previr estas enfermidades?

Estamos a traballar en agrupar as xatas canto antes, mellor. Investigamos o que sucede ao xuntar dúas xatas cunha diferenza de idade de menos dunha semana. Comprobamos que a presenza da diarrea persiste, pero o sistema inmunolóxico funciona mellor e a duración da enfermidade é menor.

Xera controversia con outros estudos?

Si. Outras investigacións sinalan que, cando existe unha patoloxía, os animais deben estar illados de maneira independente. Non obstante, depende tamén da enfermidade. Con todo, estase a ver que as xatas agrupadas desde idades moi temperás teñen moito menos estrés, polo que son máis capaces de afrontar a doenza.

Coa información existente na actualidade, cal é a túa preferencia?

Estou moi a favor de agrupar as xatas desde os primeiros días de vida, ademais de incluír a aleitadora como medio para a súa alimentación. Entre os dez e os quince días é a idade coa que as estamos introducindo na máquina de aleitar.


“Se se instala unha aleitadora, débese realizar igualmente un diagnóstico subclínico da enfermidade mediante ecografía pulmonar”

Que implica o uso da aleitadora?

Trae consigo un factor de risco, xa que unha mamadeira pode ser empregada por unhas quince xatas. Por esta razón, intensificamos moito os protocolos de limpeza e de detección temperá das distintas doenzas. Non estou de acordo en que se instale unha aleitadora e non se realice un diagnóstico subclínico da enfermidade mediante ecografía pulmonar. Iso é inviable. Podemos agrupar os animais, pero temos que ter un maior control sobre eles.

Que aspectos principais cres que inflúen no estrés da recría e que incidencia teñen nas súas actividades?

Para min, un dos máis importantes é o descornado das xatas, que, se o facemos a tempo, deberiamos chamalo desmochado. Evidentemente, tamén inflúen o aloxamento, a ventilación, o encalostrado etc. Existen tantas variables nunha gandería que temos que implantar moitos protocolos e intentar que se nos escape o menos posible.

Cal é un bo protocolo de vacinación?

Sempre os adapto á dinámica da enfermidade respiratoria en cuestión. Realizo ecografías pulmonares e, despois, extrapolo os datos para estimar en canto tempo empeza a afección respiratoria. Teño que vacinar en función do momento en que a enfermidade adoita alcanzar o pico. Polo tanto, o protocolo vai depender da dinámica da doenza e do manexo.

Como convencer os gandeiros da importancia de coidar a recría, sabendo que a melloría pode resultar un proceso lento?

Trátase de amosar estudos, como o que explicamos nas XXII Xornadas Técnicas de Seragro. Eles xa están fartos de escoitar que a recría supón entre o 15 e o 20 % do seu negocio e que a diarrea e a pneumonía teñen un forte impacto, pero faltan máis traballos a pé de campo en España. Habitualmente, chégannos estudos doutras partes do mundo, pero os gandeiros pregúntanme que está pasando no noso territorio.

As consecuencias son diferentes en cada zona?

Efectivamente. Por iso, eu, cando presento este estudo, fago referencia sempre á gandería de Valle dos Pedroches. A nosa idiosincrasia é moi diferente respecto a Galicia, por exemplo. De feito, nun informe no que comparamos diferentes granxas de España, no norte os problemas respiratorios máis graves concentrábanse no outono e no inverno. En cambio, no sur, as dificultades máis severas producíanse no verán. Faltan investigacións consolidadas que mostren resultados obxectivos.

Esta información serve de igual maneira para as ganderías particulares que para os centros de recría?

Por suposto. Son protocolos que se levan a cabo indistintamente do lugar de recría. Con todo, está claro que inflúen moito o tipo de gandería e as súas instalacións. Moitas veces, os gandeiros concentran partos e non dispoñen de lugares onde situar eses novos animais. Eu teño gandeiros que prefiren realizar a recría propia e non derivala a ningún centro, pero iso xa é a súa decisión.